Investigan o roubo de varias pezas dun hórreo das Neves
Investigan o roubo de varias pezas dun hórreo das Neves
O párroco de Tortoreos denunciou ante a Garda Civil o roubo de varias pezas dun hórreo da casa reitoral
Practicamente desmantelado. Así se atopa o hórreo da casa reitoral da igrexa de Santiago de Tortoreos, no concello das Neves. O párroco, Sergio Gómez, denunciou ante a Garda Civil o roubo de dúas pedras de gran tamaño e de varias columnas: "Fun alertado por unha veciña de que despareceran varias pedras do hórreo da casa reitoral, que está en ruínas, pero pertence á Igrexa", explica.
A propiedade, pechada por un valo de pedra, está arrendada para o uso das vides. O encargado do seu mantemento cre que o hórreo estaba así hai un ano, pero si notou movementos estraños.
"Moveron unhas pedras contra a caseta abandonada. Está pisado de entrar algún tractor ou algo porque por esta zona non ando eu, eu ando por onde está o viñedo", di Domingo Reijas.
Os veciños din que hai tempo tamén faltou un reloxo de sol preto da igrexa. O párroco destaca o valor patrimonial deste tipo de elementos e a preocupación dos veciños: "Están molestos porque é patrimonio deles e queren as súas cousas no sitio, non que desaparezan, é patrimonio noso, de Galicia, hai que protexelo. Non hai forma de valorar estas cousas".
A Garda Civil investiga os feitos, mentres en Tortoreos fan un chamamento para atopar as pezas que faltan.