Investigan sete persoas por irregularidades en granxas de Ourense e incáutanse de mil quilos de carne
Investigan sete persoas por irregularidades en granxas de Ourense e incáutanse de mil quilos de carne
Investigan sete persoas por irregularidades en granxas de Ourense e incáutanse de mil quilos de carne
A denuncia relataba a existencia de malos tratos dos animais, medicación sen prescrición veterinaria por parte dos propietarios das granxas e tratamento inadecuado dos animais
O Equipo Roca da Garda Civil de Celanova tomou declaración en calidade de investigadas a sete persoas —catro veciños de Ourense, un de Lugo, un de Pontevedra e outro da Coruña— por un total de 40 delitos de falsidade documental relacionados con diferentes irregularidades en granxas de bovino situadas en Ramirás e A Gandarela, "que estarían relacionadas con dúas empresas cárnicas".
A investigación, que se enmarca dentro da operación Guitarra, na que interviñeron 1.000 quilos de carne sen documentación, iniciouse en marzo de 2024 por mor dunha denuncia presentada ante a Garda Civil.
Tal e como detallou o instituto armado, a denuncia relataba a existencia de malos tratos dos animais na explotación, medicación sen prescrición veterinaria por parte dos propietarios das granxas e tratamento inadecuado dos animais, e sinala que desde que falecidos se enterraban no esterco ou nas inmediacións das explotacións.
Ademais, explicaba tamén que se compraban animais e se introducían na explotación desde Portugal, sen documentación; simulábanse ataques de lobo a ovellas que mataban os propios cans dos donos da granxa, falsificando o trámite con axente ambiental; usábanse placas de identificación de animais indebidamente, ao seren extraídos de animais falecidos que se enterraban no recinto, e colocábanos en animais vivos; sacrificábanse animais na propia explotación, sen garantías sanitarias, para posteriormente ser vendidos a veciños particulares da zona, e trasladábase a carne á sala de despeza para a venda en carnicerías da localidade de Ourense.
Tras ter coñecemento dos feitos, a Garda Civil iniciou a investigación e realizou inspeccións, xunto con inspectores veterinarios de saúde pública da dirección territorial da Consellería de Sanidade, nas explotacións mencionadas e tamén noutra relacionada que se detectou coas mesmas prácticas e se sitúa no municipio do Carballiño.
Alí localizáronse diversas placas de identificación de animais sen ningún tipo de amparo, rexistráronse os vehículos do denunciado e da súa contorna comercial e achegáronse datos á investigación ao organismo competente, o Servizo de Gandería da Xunta de Galicia.
Esta entidade emitiu un informe sobre todo o solicitado no que comunica varias irregularidades das explotacións mencionadas. Tras o estudo e cotexo de datos recibidos pola Garda Civil, detectáronse numerosos delitos de falsificación de documento público e usurpación de estado civil, realizados tanto de forma presencial en oficinas agrarias comarcais como no servidor da oficina virtual de gandería.
Ante estes feitos, o pasado 25 de xuño axentes da Garda Civil realizaron de forma simultánea inspeccións en catro establecementos de carnicerías situadas en Ourense e tamén na súa sala de despeza, no Polígono de Barreiros.
Alí detectaron sobre 1.000 quilos de carne dispostos para a venda ao público que non dispoñía de documentación, polo que foron intervidos e propostos para destrución ao non garantir a súa rastrexabilidade para a seguridade alimentaria.