Jorge Prado estrea circuíto de motocrós en Lugo
Jorge Prado estrea circuíto de motocrós en Lugo
O piloto lucense inaugurou as instalacións no medio dunha grande expectación
Jorge Prado agarda que o circuíto poida albergar unha proba do Mundial de MXGP no futuro
O circuíto de motocrós Jorge Prado xa é unha realidade. O piloto lucense descubriu con orgullo a placa que leva o seu nome.
"Este novo proxecto é moi bonito. Medrei a dous quilómetros, en Rubiás, rodando como afeccionado. Se non fora por ese circuíto non chegaría a onde cheguei", dixo.
Jorge soña con que este circuíto chegue a albergar unha proba do Mundial de MXGP
Evidentemente, había moita expectación para a estrea de Jorge no circuíto. E o lucense, por suposto, non defraudou na casa. Aproveitamos para preguntarlle pola posibilidade de que nun futuro, agardemos que non moi serodio, o circuíto chegue a albergar probas do Campionato de España ou algunha do Mundial de MXGP.
"Eu creo que temos que soñar con que iso sexa posible", asegurou o piloto.
O equipo traballa para mellorar a competitividade da moto de Prado
O dúas veces campión do mundo de MX2 descansa agora coa vista posta na próxima temporada. O ano pasado, o do seu debut con Gasgas, rematou terceiro no Mundial. Jorge falou xa daquela da necesidade de mellorar a moto para ser máis competitivo.
"Estamos traballando duro para ser moi competitivos. Loitaremos un ano máis polo Mundial, a ver se este é posible", explicou.
O Mundial de MXGP 2023 arranca en marzo, na Arxentina.