Lévalle 50 euros a unha tendeira de Ribeira coa fraude do cambio no pagamento
Lévalle 50 euros a unha tendeira de Ribeira coa fraude do cambio no pagamento
A estafadora usou un billete de 200 euros para pagar unha conta de 13,80
A vítima deuse conta do calote cando revisou a volta na caixa da súa tenda, que é a máis próxima a unha das portas do mercado de Ribeira. A estafadora xa fuxira.
Á carnicería de Juana chegou o venres unha muller a comprar hamburguesas, e logo engadiu ao pedido peitugas de polo. A factura: 13,80 euros.
"Para pagar deume 200 euros e devolvinlle o cambio e logo díxome que non quería a compra, que lle saía máis barata no súper e cando me devolveu o cambio, quedou con cincuenta euros facendo como un truco de maxia", explica Juana Gómez, propietaria da tenda.
Verémolo na secuencia do feito rexistrada na videovixilancia do negocio en imaxes cedidas pola carniceira, que non esquecerá a fisonomía da estafadora; "Corenta e algo (anos), media melena... e de acento estranxeiro. Pero non a coñecía de nada. Non creo que fose de aquí".
No mercado había máis tendeiras, como na froitería próxima. Pero nin Mila nin ninguén se decatou do que pasaba na de Juana.
"Acababamos de abrir, eran as seis da tarde e aínda estabamos a colocar os postos. Vin que lle chegaba unha moza para mercar e que lle daba o cambio e todo, pero non me fixei moito e xa a vin saír a ela correndo. Fun detrás, pregunteille que pasaba, pero xa non a vimos", di Mila Martínez, que traballa na froitería de enfronte.
Non había nin rastro da estafadora. Repasando a videogravación polo miúdo, vese como retira un billete de 50 euros instantes despois de recontar o cambio e antes de darllo a Juana, que xa está pendente de coller o billete de 200 para devolverllo.
"Non me chamou a atención. Púxome algo nerviosa cando me dixo que non quería as cousas... supoño que o faría para learme, entreterme para que lle fose máis fácil quitar o diñeiro", di Juana Gómez.
Ela perdeu 50 euros e... tamén a confianza en cliente novo que paga cun billete grande. A súa experiencia pode ser beneficiosa para outros colegas:
"Desconfiar da xente que non coñeza que veña cun billete grande. É a única lección que podo sacar".