Liorta multitudinaria en Betanzos despois do enfrontamento entre dous homes
Liorta multitudinaria en Betanzos despois do enfrontamento entre dous homes
Ambos son traballadores da mesma pizzería e parentes, un deles estaba de baixa
A intervención da Garda Civil e a Policía local freou a pelexa, que xuntou unhas 15 persoas
Todo comezou nas inmediacións da praza dos Irmáns García Naveira de Betanzos, no mediodía de onte. Un repartidor de pizzas era insultado por outro compañeiro de baixa co que, ao parecer, comparte parentesco e problemas persoais. Segundo fontes próximas á investigación, o repartidor reaccionou dándolle un golpe ao contrario e marchou na moto.
Despois, a pelexa continuou nas inmediacións da pizzería, na rúa Alexandre Bóveda. Ambos pediran apoio a coñecidos e, segundo algunhas fontes, chegaron a xuntarse unhas 15 persoas. Os propietarios do negocio chamaron a policía, que logrou frear a liorta xunto a varias patrullas da Garda Civil.
Polo momento non consta denuncia de ningún dos implicados. Ao parecer, ambos acabaron feridos como consecuencia do enfrontamento. Un deles perdeu un dente e foi examinado no Hospital Clínico de Coruña polos golpes recibidos na liorta.