Publicador de contidos
Publicador de contidos

Localizado con vida o home perdido de noite nun monte de Verín a -6 graos

Localizado con vida o home perdido de noite nun monte de Verín a -6 graos

Malia o frío, a fame e a desorientación, mantivo contacto telefónico cos servizos de emerxencia

Desorientárase na parroquia de Mandín cando se dirixía ao centro hospitalario portugués de Chaves

G24.gal 29/01/2023 12:03 Última actualización 29/01/2023 17:43

Os servizos de emerxencia localizaron con vida o home que se perdera na tarde do sábado nun monte fronteirizo de Mandín, no concello de Verín. Topárono ás once da mañá na parroquia de Feces de Arriba, nunha ponte do cruzamento que vai cara a Vilarello.

Malia que en aparencia presentaba bo estado, a Garda Civil solicitou a intervención dos servizos sanitarios para que se lle realizase un recoñecemento médico porque pasara a noite á intemperie nunha zona onde os termómetros baixaron ata os -6 graos centígrados.

Segundo informa o 112, o home chamou a emerxencias tras desorientarse cando se dirixía ao centro hospitalario portugués de Chaves. A Garda Civil logrou localizar o coche abandonado pero non o dono, co que mantivo contacto telefónico durante a noite. 

Nun primeiro momento, os axentes solicitaron a axuda das agrupacións de Protección Civil máis próximas, como a de Vilardevós, Cualedro e Verín.

Operativo de rescate

Malia o frío e a fame, o home colaborou en todo momento co operativo de procura que este domingo se ampliou con cans de rescate, equipos especializados de montaña, drons e un helicóptero. 

Na súa primeira comunicación, explicou que o xeo non lle deixaba avanzar e, como se atopaba mal, abandonou o vehículo para continuar o percorrido a pé.  De 57 anos e nacionalidade portuguesa, vive en Feces da Cima, no concello de Verín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade