Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un veciño de León de 62 anos que caeu ao mar cando facía un selfie no banco de Loiba

Falece un veciño de León de 62 anos que caeu ao mar cando facía un selfie no banco de Loiba

O accidente sucedeu nos cantís de Ortigueira este mediodía, nunha zona que moitos turistas inmortalizan

O corpo recuperouno o Helicóptero de rescate Pesca II de GardaCostas de Galicia, que recibiu o aviso do 112-Galicia

Momento do rescate este sábado nos cantís de Loiba, en Ortigueira co helicóptero e desde terra/Cedida GES de Ortigueira
G24.gal 20/07/2024 16:56 Última actualización 20/07/2024 17:54

Os servizos de rescate recuperaron este mediodía o cadáver dun home que caeu ao mar en Ortigueira. Era un turista de León de 62 anos que intentaba inmortalizar cun selfie a súa visita ao banco de Loiba.

Por causas que se descoñecen precipitouse ao marcando intentaba tomar a foto co seu teléfono móbil nos cantís situados ao carón do banco de Loiba. Os servizos de emerxencia localizaron o dispositivo en terra, polo que cren que o soltou ao tempo que caía a auga.

Os bombeiros do parque comarcal provincial das Pontes recibiron o aviso da caída dun home desde o cantil do banco de Loiba, en Ortigueira. Mobilizouse un amplo dispositivo de busca co GES de Ortigueira, a lancha Salvamar de Salvamento Marítimo con base en Cariño e o helicóptero Pesca II de Garda Costas Galicia.

O GES de Ortigueira precisou que a vítima mortal caeu desde unha altura de entre 25 e 30 metros.

Non puideron facer nada por salvarlle a vida. O helicóptero recuperou o corpo sen vida do home que estaba somerxido na auga, coa axuda dun mergullador local.

O banco de Loiba é na actualidade unha das maiores atraccións turísticas da comarca de Ortegal, con centos de curiosos que visitan o lugar para sentar e admirar unha das paisaxes máis fermosas que nos pode ofrecer a costa galega.

Este sábado e antes as inclemencias do tempo non eran moitos os que se achegaron ata esta zona de gran beleza natural. Unha vez sucedido o accidente a Garda Civil cortou os accesos aos cantís de Loiba. O alcalde de Ortigueira destaca que é a primeira ocasión que se da un accidente mortal no lugar.

Agora practicaráselle a autopsia ao cadáver para determinar as causas exactas do falecemento.

O helicóptero Pesca II de Gardacostas Galicia/Arquivo O helicóptero Pesca II de Gardacostas Galicia/Arquivo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade