Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lola, a vaca atrapada á beira do río Deza, seguirá alí ata que colla forzas

Lola, a vaca atrapada á beira do río Deza, seguirá alí ata que colla forzas

Agardan a que poida moverse e saír ela mesma polo camiño que abriron no monte

Os donos agradecen a implicación de todos os veciños

G24.gal 15/11/2021 21:12

Os donos de Lola preparan a música que a acompañará durante outra noite á intemperie. "Témoslle unha radio e témoslle luz, que así está un pouco máis contenta a vaca. Se oe música non se sente soa", explica Manuel, o seu dono. "Múxoa todo o ano con música", engade a súa muller.

Todo comezou o venres, a cinco quilómetros do río Deza. Nunha granxa de Bascuas, Vila de Cruces, tres vacas fuxiron. "A xente di que non hai lobo aquí, pero algo lles pasou, porque isto é rarísimo. Nunca tal nos pasou, e hai 25 anos que temos vacas", sorpréndese Manuel. 

Buscáronas. Un veciño, outro Manuel, foi o primeiro en velas. Seguiunas ata o río. Caeran nel. "Esvararon nunha pedra e marcharon as tres para o río. Cando chegamos xa estaban na auga", sinala.

Sacáronas como puideron. Dúas xa están na casa. Lola segue aí. "A vaca ten que estar unha ou dúas noites máis, ata que cure e teña forza nas pernas. Coidámola, dámoslle de comer, a medicación, auga, limpámola... Témola coidada como unha persoa", resume o propietario da vaca.

Lola padece pneumonía. Na tarde do luns ten 39,6 de febre. Precisa coller forza para saír por ela mesma, como fixeron as outras dúas, polo camiño que abriron no monte os veciños e o Concello. "Aquí houbo máis de 50 persoas", contan. 

Os veciños mesmo botan a noite coa vaca. É o momento de volver á radio. "Para que sinta a música e para que se despisten as bestas. Se vén o lobo, que non veña comela", di o seu dono. 

Un conto de outono que aínda agarda o final feliz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade