Máis de 1.200 granxas teñen a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi Galego
Máis de 1.200 granxas teñen a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi Galego
No mundo da alta restauración, as vacas e os bois galegos están entre o vacún máis prezado
O volume de negocio do sector é de 1,2 millóns de euros
Máis de 1.200 explotacións gandeiras forman parte da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi Galego. Hai xusto un ano entrou no rexistro de denominacións de orixe da UE, o que significa que desde entón pode venderse máis alá das nosas fronteiras.
"Non é como o caso de Tenreira Galega, que leva trinta anos. No caso de Vaca e Boi Galego levamos escasamente seis anos e pouco a pouco vaise coñecendo. Ben é certo que fai falla que haxa máis número de inscritos, tanto de granxas como de industrias", explica Luís Vázquez, director de promoción do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida de Carne de Vacún de Galicia.
Ángel Santos, gandeiro de Friol, ten 60 cabezas de rubia galega. A súa explotación forma parte da Indicación Xeográfica Protexida desde que comezou no ano 2017.
"É bo porque lle dá vida á nosa carne e porque lle abre mercado. É bo resaltar que non valen todos os animais para a Indicación".
"Para participar na Indicación é necesario que as vacas pariran polo menos unha vez. No caso dos bois teñen que ser animais castrados antes dun ano e certificados cun mínimo de catro anos de vida. A media no caso das vacas pode estar entre os sete e os dez anos, e a media dos bois de sacrificio está entre os seis e os sete anos".
A de Silvia Gaveiro, gandeira de Palas de Rei, é unha das 250 explotacións que se dedican á cría de boi galego. O selo da Indicación Xeográfica Protexida é a garantía de que os animais naceron en Galicia e foron criados e alimentados ao xeito tradicional, con pasto fresco e fariña de cereais.
"Procuramos que estean fóra e darlles unha alimentación moi natural durante os primeiros catro anos. No último ano métense dentro e dáselles millo e un complemento de penso"
Esa alimentación é o que lle da á carne o entrefebrado e a cor amarela da graxa, tan demandadas na restauración.
"Estamos falando dunhas características moi especiais. A graxa vai dunha cor branca nacarada ata un amarelo intenso. O vacún maior ten infiltración graxa, algo que non temos na tenreira. No vacún maior é o que se busca", explica Luís Vázquez, director de promoción do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida de Carne de Vacún de Galicia.
No mundo da alta restauración, as vacas e os bois galegos están entre o vacún máis prezado. Un exemplo recente témolo neste boi criado nunha explotación de Sarria, un exemplar excepcional de máis de 2 toneladas peso, que foi vendido a unha cadea de restaurantes de Hong Kong.
"Foi criado a base de pacer fóra, de comer herba verde, de comer millo..., unha alimentación moi natural, explica o criador Manuel Valiña.
O volume actual de negocio do sector é dun millón douscentos mil euros. Desde a Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi Galego cren que o sector ten aínda moita marxe de crecemento.