A campaña de sardiña remata este mércores para o cerco galego
A campaña de sardiña remata este mércores para o cerco galego
A frota do noroeste xa completou a cota permitida para esta especie
Moitos barcos terán que amarrar ao quedar sen posibilidades de pesca
Este mércores finaliza a campaña da sardiña para os cerqueiros do noroeste e do Cantábrico. E remata porque esgotaron a cota asignada, de case 15.000 toneladas en total, cun máximo de 1.500 quilos diarios para os barcos máis grandes.
"É unha cantidade ridícula a que nos permiten pescar porque a especie está recuperada na nosa costa. Pedimos unha cota suficiente para sobrevivir, para que as empresas subsistan e podamos manter os empregos e as familias que dependen dos barcos", pide Isaac Gaciño, o patrón maior de Portosín.
Portugal non colleu aínda todo o permitido, pero, polo momento, non houbo acordo para facer intercambio de especies. Tampouco chegan a tempo para facerse coa cota que non pescaron os mariñeiros do golfo de Cádiz.
"Eu púxenme en contacto con Barbate e comprobei que a estas alturas xa non lles queda nada para transferir cota extra aos nosos barcos", comenta o patrón maior.
En Portosín aseguran que o recurso está recuperado e piden poder seguir pescando sardiña ata finais de outubro. Do contrario, din, terán que amarrar, xa que o xurelo escasea preto da costa e xa rematou a campaña do bocarte.