Marchan dun restaurante do Carballiño sen pagar a conta de 80 euros
Marchan dun restaurante do Carballiño sen pagar a conta de 80 euros
Eran tres mozos duns vinte anos que botaron dúas horas comendo e bebendo cervexa
A propietaria, Isabel Cabo, di que máis que os cartos doélle a burla, fuxiron á carreira e rindo
Tres mozos fuxiron dun restaurante do Carballiño sen abonar os 80 euros da conta. Máis de dúas horas estiveron comendo e bebendo cervexa polo morro. O que máis lle molesta á propietaria foi a burla, porque fuxiron á carreira entre gargalladas.
Cóntanos Isabel Cabo, a propietaria do restaurante, que non sentaron na mesa que ela lles indicou cando entraron e que foi porque xa tiñan pensado fuxir pola porta da galería, pero estaba pechada. Eran tres homes, di, duns vinte e pico anos. Comeron e beberon cervexa a fartar. Di Isabel que estiveron tocándolle bastante a chanca porque pedían aos poucos e aínda por riba protestando. Acabaron de xantar e de tomar o café e saíron cun cigarro na man, ela pensou que ían fumar, pero cando mirou para a porta xa os viu fuxir correndo e rindo.
Axiña avisou a todos os hostaleiros para que non fixesen o mesmo noutro local. O feito estendeuse polo Carballiño, onde están indignados.
Da Parrillada San Andrés marcharon sen pagar os 80 euros da conta. O que máis lle molesta non son os cartos, di a dona, senón a burla. Reconfórtana as mostras de cariño que está recibindo.