Publicador de contidos
Publicador de contidos

As confrarías, preocupadas ante o aumento dos mariscadores clandestinos

As confrarías, preocupadas ante o aumento dos mariscadores clandestinos

Cren que se trata dun furtivismo organizado con capacidade económica mesmo para contratar os seus propios vixilantes

G24.gal 17/08/2022 19:59

O marisqueo clandestino aumenta na comarca da Barbanza desde a costa norte da ría de Arousa ata a ría de Muros-Noia. As confrarías cren que se trata dun furtivismo organizado con capacidade económica mesmo para contratar os seus propios vixiantes.

Ao roubo da semana pasada de 300 quilos de berberecho hai que engadirlle o que sufriron de cría de ameixa xapónica en Rianxo. Os furtivos roubaron primeiro unha lancha no porto. Con ela accederon ao posto flotante onde se fai o control do marisco e levaron a cría de ameixa, por un valor de máis de mil euros.

"Era ameixa que era para sementar, era de tamaño ilegal. Non se podía vender, comercializar. E esa ameixa, unha esporta dela, é moita ameixa", di o patrón maior da confraría de Rianxo.

Piden que se endurezan as sancións económicas contra os furtivos, xa que cren que as actuais son ridículas, tendo en conta o beneficio que sacan co marisco que esquilman en tan só unha marea.

 "As sancións son ridículas e a eles compénsalle, porque nunha noite poden sacar mil euros ou 300 euros. Só nunha noite, nunha marea, e se lles poñen unha multa de 150 ou 200 euros, iso compénsalle a calquera", afirma o patrón maior da confraría de Rianxo.

A confraría de Rianxo ten 634 socios, dos que a maioría se dedican ao marisqueo á boia da ameixa, polo que ven ameazado o seu xeito de vida. Piden un aumento das penas contra o furtivismo e máis medios para combatelo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade