Mergulladores buscan a arma coa que lle dispararon a un mozo en Ribeira
Mergulladores buscan a arma coa que lle dispararon a un mozo en Ribeira
Os tres detidos por intento de homicidio pasarán a disposición xudicial nas vindeiras 48 horas
A vítima, un mozo marroquí de 27 anos, está estable dentro da gravidade
Mergulladores da Policía Nacional buscan nas augas do porto de Ribeira a arma coa que dispararon un mozo marroquí de 27 anos na madrugada do domingo.
A navalla coa que tamén o acoitelaron xa apareceu e agora a investigación céntrase na pistola, que supostamente guindaron os atacantes ao fondo do peirao.
Mentres, na comisaría da Policía Nacional, permanecen detidos tres homes supostamente relacionados cos feitos. Foron interceptados onte en Tui cando, ao parecer, tentaban fuxir cara Portugal. Agárdase que mañá ou pasado pasen a disposición xudicial. Dous deles están acusados de intento de homicidio e o terceiro de encubrimento.
Pola súa banda, o ferido atópase estable dentro da gravidade nunha unidade de coidados críticos do hospital Clínico de Santiago. Foi intervido tras recibir un disparo e varias puñadas, despois dunha grave pelexa entre dous grupos de mozos. Segundo relatan as testemuñas, os golpes comezaron a iso das 3 da mañá na zona do malecón, seguiron nunha persecución polas rúas da cidade e remataron co intento de homicidio na rúa Diego Delicado.