Meritxell Batet renuncia a repetir como presidenta do Congreso
Meritxell Batet renuncia a repetir como presidenta do Congreso
O PSOE deberá buscar outro candidato para ese posto cando quedan menos de dez días para a votación
A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, expresou o seu desexo de non repetir no cargo a próxima lexislatura, segundo informaron fontes da presidencia da Cámara Baixa.
Detallan que Batet destacou que para ela foi "unha gran honra desempeñar esta responsabilidade", así como agradeceu o apoio que recibiu durante estes anos.
Ademais, expresou a súa confianza en que se formará unha maioría progresista na Mesa da cámara presidida por unha candidata ou candidato socialista que permitirá continuar cos grandes avances logrados nesta lexislatura.
A xuízo de Batet "o proxecto socialista encabezado polo presidente Pedro Sánchez é o que ofrece as mellores solucións aos problemas da cidadanía fronte a aqueles que só ofrecen retroceso", sinalan as fontes
A mesa do Congreso parte da negociación
A composición da Mesa, en que poderían entrar formacións independentistas, será un primeiro indicio da marcha das negociacións para a formación do novo Goberno polo que loitan PP e PSOE.
A Mesa do Congreso está formada por nove membros e o Partido Socialista, o que se perfila con máis apoio para presidir a Cámara, está a negociar a varias bandas sen perder de vista o obxectivo de lograr unha maioría de cinco postos fronte aos partidos da dereita.
Co debuxo actual do Parlamento, tanto PP como PSOE teñen asegurados catro membros, cada un deles, no órgano de goberno da cámara baixa. Dúas vicepresidencias e dúas secretarías, aínda que dependendo do apoio que logren do resto de grupos determinarase a primacía de cada un.
Por iso é lóxico que tanto populares como socialistas ofrezan ao resto de partidos algún dos seus asentos na mesa como contraprestación a eses apoios, sobre todo para a elección da terceira autoridade do estado. Aquí o PNV tamén fará valer os seus votos e non é descartable que esixa un membro na mesa do congreso.
Batet foi elixida presidenta do Congreso o 21 de maio de 2019, despois das eleccións xerais celebradas en abril dese ano, e volveu ser elixida para ese posto en decembro, tras a repetición electoral, por 166 votos a favor. O 23X a exministra repetiu como cabeza de lista do PSOE por Barcelona, pero nesta ocasión non aspirará a dirixir a Mesa do Congreso.