Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milagroso rescate dos catro menores perdidos na selva colombiana durante 40 días

Milagroso rescate dos catro menores perdidos na selva colombiana durante 40 días

O avión no que viaxaban coa nai, o piloto e outro adulto sufrira un accidente

Foron os únicos sobreviventes do sinistro e conseguiron subsistir sós

Membros do operativo de rescate atenden os menores na selva
G24.gal 10/06/2023 08:21 Última actualización 10/06/2023 14:31

As Forzas Especiais do Exército localizaron os catro menores indíxenas perdidos na selva amazónica dende o 1 de maio, tras accidentarse o avión no que viaxaban xunto á nai, o piloto e outro adulto.

Os protagonistas son Lesly Mukutuy, de 13 anos, Soleiny Mukutuy, de 9, Tien Noriel Ronoque Mukutuy, de 4, e o bebé dun ano Cristin Neruman Ranoque, que lograron sobrevivir nunhas condicións extremas.

Uns 200 militares e nativos de varias tribos indíxenas, coñecedoras da selva, andaban á súa procura dende a súa desaparición na coñecida como "operación Esperanza". Despois de 40 días, lograron localizalos nun punto remoto entre os departamentos de Caquetá e Guaviare.

Atendidos nun primeiro momento por persoal médico de combate do Comando de Operacións Especiais despregado na zona, logo foron trasladados en helicóptero á base militar de San José do Guaviare, onde "foron estabilizados".

"Unha alegría para todo o país! Apareceron con vida os catro nenos que estaban perdidos hai 40 días na selva colombiana", anunciou na súa conta de Twitter o presidente Gustavo Petro.

Minutos despois, e nada máis baixar do avión presidencial procedente da Habana, onde asinou un acordo temporal de cesamento ao lume bilateral coa guerrilla do Exército de Liberación Nacional (ELN), Petro cualificou o achado como "un agasallo á vida".

"Agora que regreso a primeira noticia é que efectivamente as comunidades indíxenas que estiveron na procura e as Forzas Militares conxuntamente atoparon con vida os catro nenos despois de 40 días", subliñou.

A afirmación do xefe de Estado foi apoiada polo Exército que divulgou fotografías nas que se ven os catro menores sentados nun claro no medio da selva, cubertos con mantas e rodeados por integrantes do operativo.

Todo parece indicar que puideron alimentarse con algún dos centos de paquetes de comida que se lanzaron dende os helicópteros durante varios días.

O misterio da desaparición

Os catro nenos viaxaban con tres adultos nun avión Cessna 206 operado pola compañía Avianline Charter's que se accidentou o 1 de maio. Os tres adultos morreron no accidente e os seus corpos foron localizados varios días despois.

"Estaban sós. Eles mesmos lograron un exemplo de sobrevivencia que quedará na historia, así que hoxe eses nenos son os nenos da paz", engadiu o presidente.

Entón, comezou unha xigantesca operación de procura con rastrexos a pé, en avión e helicóptero. Todo o país estivo pendente e celebrou con xúbilo o rescate dos menores, sans e salvos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade