Misterio que non foi tanto nun piñeiral en Vilagarcía
Misterio que non foi tanto nun piñeiral en Vilagarcía
A aparición de dous paxaros mortos sementou a dúbida de se se trataría de sacrificios rituais
Os veciños desbotan a hipótese da maxia negra e bótanlle a culpa ao lagarteiro
Restos de plumas nunha rocha alta e lisa coma un altar. A poucos metros, os restos doutro paxaro enmarcados entre paus. Falta simbolismo, dinos unha experta en tradicións esotéricas, pero non desbota que poida tratarse dalgún tipo de ritual de sangue.
Os restos apareceron no piñeiral de Fontecarmoa, en Vilagarcía. O propietario dos terreos, Antonio Costa, desbota a idea da maxia negra e resolve o misterio de golpe.
"Foi o lagarteiro", asegura. "Unha ave rapaz, depredadora de paxaros pequenos e grandes", di Antonio. "Come rulas, come polos, se chos pilla marcha con eles, lévaos", afirma.
Insistimos: segundo di a experta en ciencias ocultas, os sacrificios rituais fanse ao norte, marcando os catro puntos cardinais. Podería ser por iso que colocaron catro paus arredor dun dos paxaros mortos?
"Non, que va! Serían os rapaces que veñen sentar aquí e ao mellor puxéronlle os paus arredor. De bruxería nada, iso nada", di Antonio.
Así que nin ara votiva nin negro meigallo. Máis ben será o lagarteiro o que cobra vítimas no piñeiral de Fontecarmoa.
Se fora un ritual aparecerían máis restos, advirte a experta, porque habería que repetilo por aquilo da eficacia. Antonio tamén conta con que o lagarteiro volva actuar no piñeiral.