Morre o condutor dun coche ao bater contra unha furgoneta na Pastoriza
Morre o condutor dun coche ao bater contra unha furgoneta na Pastoriza
Os bombeiros tiveron que excarcerar o corpo, pero os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida
Un home de 81 anos faleceu este luns ao bater o coche que conducía contra unha furgoneta no concello lucense da Pastoriza. Os bombeiros tiveron que excarcerar o corpo, pero os servizos sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida. O condutor da furgoneta quedou ferido.
Segundo informaron fontes do CIAE 112 Galicia e da Garda Civil de Lugo, o accidente tivo lugar pasados vinte minutos das 6 da tarde no quilómetro 60 da N-640, na parroquia de Fonmiñá.
Varios particulares contactaron con Emerxencias para informar de retencións nesa vía porque un coche acababa de chocar frontalmente contra un furgón. O 112 informou a Urxencias Sanitarias-061, Bombeiros de Vilalba, GES da Pontenova, Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento da estrada.