Deteñen un mozo de 19 anos polo suposto homicidio do seu pai en Esteiro
Deteñen un mozo de 19 anos polo suposto homicidio do seu pai en Esteiro
Tras pasar polo hospital en Santiago para unha avaliación psicolóxica permanece baixo custodia no cuartel da Garda Civil de Boiro
Os feitos sucederon de madrugada na casa familiar
A vítima mortal tiña 59 anos
A Garda Civil está a investigar as circunstancias que rodean a morte violenta dun veciño de Muros, localizado na súa casa con signos evidentes de violencia despois de que o 112 recibira unha chamada que pedía asistencia para unha persoa.
Os feitos sucederon esta madrugada en Esteiro ás 00:42 horas e as primeiras investigacións apuntan ao fillo da vítima, de 19 anos, como suposto autor da agresión mortal. Está detido e baixo custodia policial no cuartel de Boiro á espera de pasar a disposición xudicial, para o que o prazo máximo é de 72 horas.
Ao parecer, foi el mesmo o que deu aviso do que pasaba, pero contou que uns ladróns entraran a roubar na casa e atribuíulles o ataque contra o seu pai.
O 061, que recibiu a notificación dos feitos da central de coordinación de Urxencias Sanitarias, desprazou ao lugar unha ambulancia asistencial, persoal sanitario do PAC de Muros e unha patrulla da Garda Civil de Negreira.
Alí atenderon dúas persoas: confirmaron o falecemento dun varón de 59 anos e déronlle a alta ao mozo de 19 anos.
A Policía Xudicial da Garda Civil de Noia fíxose cargo das investigacións e intenta agora determinar o que pasou. Realizou a inspección ocular no interior da casa e recadou probas. O mozo quedou detido e trasladárono ata o hospital Clínico de Santiago, onde ingresou con signos de estar baixo os efectos do consumo de substancias estupefacientes.
Están a realizar a súa avaliación psicolóxica antes de tomarlle declaración nas dependencias da Garda Civil para o seu posterior paso a disposición xudicial.
A vivenda presentaba múltiples estragos. A arma utilizada para causarlle as feridas mortais ao home podería ser unha machada.
Aínda que a chamada sobre a agresión se rexistrou pasadas as doce e media da noite os veciños escoitaron golpes na vivenda unhas tres horas antes e viron que o mozo saíu da casa cara a algunha rúa lindeira, probablemente para agochar a arma que utilizou para atacar o seu pai, que aínda non foi localizada. Pouco despois regresaba ao portal, onde se sentou antes de avisar a emerxencias.
Cando chegaron ao lugar o fillo tiña un corte na faciana que cren que posiblemente sexa autoinflixido.
O home morto estaba tendido na cociña con moitos golpes co cranio aberto. As primeiras investigacións indican que o agrediron polas costas por sorpresa e despois rematárono no chan.
Agora queda pendente a realización da autopsia que podería proporcionar máis datos sobre o crime.
Propietario dun bar
O acontecido en Esteiro propagouse con rapidez pola localidade, que amenceu conmocionada polo suceso. O falecido, Jose Manuel Mayo, alcumado o Peseta, era moi coñecido, xa que durante anos rexentou o bar O Chapa, situado no baixo do inmoble no que se rexistrou a agresión.
Con 59 anos, o falecido estaba prexubilado e o seu establecemento hostaleiro estaba pechado. Os veciños da zona describen o seu fillo como un mozo "problemático" e apuntan que nos últimos tempos as discusións na casa eran habituais.