Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un mozo ao bater o seu coche contra un camión do lixo en Cerceda

Falece un mozo ao bater o seu coche contra un camión do lixo en Cerceda

O sinistro produciuse de madrugada no lugar de Gosende

Non se descarta que adormecese ou sufrise unha indisposición

G24.gal 19/03/2022 08:07 Última actualización 14:00

Un mozo de 23 anos perdeu a vida esta madrugada nun accidente de tráfico no concello de Cerceda. O sinistro produciuse arredor das cinco e media da mañá no lugar de Gosende.

Un coche e un camión do lixo bateron frontalmente na estrada LC-400 que une A Silva con Cerceda. Como consecuencia do impacto, o condutor do turismo faleceu.

Segundo os primeiros indicios, a vítima invadiu o carril contrario. A persoa que conducía o camión percibiu o errático da traxectoria do coche, pero non tivo tempo para evitalo.

Colisión violenta

A colisión foi tan violenta que o turismo quedou espetado no frontal do vehículo pesado. O condutor do coche quedou inconsciente, pero os servizos sanitarios que se achegaron ao lugar só puideron certificar a súa morte.

A Garda Civil de Tráfico habilitou un carril de circulación mentres non se retiraba o camión da estrada, que necesitou dun guindastre especial.

O sinistro está baixo investigación. Non se descarta que o mozo adormecese ou sufrise unha indisposición, xa que na estrada non se apreciaban sinais de freada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade