Nenos da Illa de Arousa recuperan a tradición de pedir por defuntos
"Unha esmoliña polos defuntiños que van alá!!", piden os nenos
Na Illa de Arousa este martes un bo número de escolares faltaron ás clases. Neste caso para participar nunha tradición que se recuperou no concello nestes últimos anos: a da pedir polos defuntos.
"Unha esmoliña polos defuntiños que van alá!!", piden os nenos. Os pequenos xúntanse en grupos como fan Carlos, Xandre e Alén para ir pedir por bares, casas e comercios igual ca se facía en tempos.
"Antes dábanlles patacas, pesetas, mandarinas, pero 'chuches' case ningunha daban", explica unh muller.
Os locais comerciais e tamén os veciños, coma Eligia, participan de cheo na actividade. "Todos os anos se fai, cando eu era pequeniña tamén se facía. E queremos que non se perda a tradición, sobre todo nos máis pequenos",
"E cada ano é un pouco máis e como ano pasado non se puido facer polo tema da covid, este ano foi un bum".
Este vez, amais de ir pedir, recuperaron o costume de facer as bolboretas, as candeas de aceite, que se acendían neste tempo nas casas e os camposantos. E no colexio da Torre propuxéronlles aos alumnos que investigasen que outras tradicións había aquí arredor do medo e a morte. "Chámome Pablo e voulle facer unha entrevista á miña avoa sobre o Día dos defuntos. Que tipo de trasnadas facíades o Día dos defuntos?", conta un dos pequenos.
En tradición viva, a Illa segue sendo todo un mundo. Agora o reto é que os agasallos non sexan só lamberetadas.