Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chegan a terra 13 dos 14 superviventes do naufraxio nas Malvinas

Chegan a terra 13 dos 14 superviventes do naufraxio nas Malvinas

 4 mariñeiros seguen desaparecidos

O Goberno enviará un avión militar para repatriar os mariñeiros españois

O barco que afundiu nas Malvinas puido chocar cun bloque de xeo semisomerxido

Imaxes facilitadas por elmagallanico.com
G24.gal 24/07/2024 14:33 Última actualización 24/07/2024 21:25

A patrulleira Lilibeth das Malvinas leva ao porto de Stanley polo menos 13 dos 14 superviventes do Argos Georgia e parte dos nove cadáveres recuperados.

O resto de falecidos e outro sobrevivente arribarán a porto este xoves en dous pesqueiros.

Ante a ausencia de voos comerciais o Goberno repatriará os mariñeiros españois.

"Agora mesmo no que estamos centrados e en realizar a repatriación o antes posible. Desde o Ministerio de Asuntos Exteriores estamos en contacto con Defensa para poder desprazar un avión militar o antes posible e poder repatriar tanto os nosos compatriotas que sobreviviron como o corpo dos falecidos", dixo Jose Manuel Albares, ministro de Asuntos Exteriores.

Os prazos dependerán dos trámites nas Malvinas

"O recoñecemento médico e as autopsias van levar un tempo. Pero quero tranquilizar as familias. Non imos escatimar esforzos para que estean con que teñen que estar, coas súas familias, engadiu Albares.

   Entre os sobreviventes do naufraxio hai seis españois.

"Catro deles galegos, tres de Ribeira e un de Pontevedra. Un é de Barcelona e outro de Albacete", dixo Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia.

  Catro galegos non tiveron a mesma sorte.

"Hai dúas persoas falecidas, o patrón de pesca, veciño de Vigo e o cociñeiro, de Baiona. E dous desaparecidos de Ribeira e de Noia", engadiu Blanco.

Suspendidos os labores de busca

As autoridades das illas Malvinas suspenden os labores de busca dos mariñeiros desaparecidos tralo naufraxio do Argos Georgia. 

Así o fixeron público nun comunicado publicado na súa conta oficial de Facebook.  

A interrupción dos traballos débese ás malas condicións meteorolóxicas. Pero as autoridades locais aseguran que volverán retomalos tan pronto sexa posible.

"Os desaparecidos aguantan moitos días, incluso un mes ou dous. Iso vai depender da súa serenidade. Se non están en lanchas, complicado", dixo Roberto Cabral, patrón maior de Baiona. 

Crese que chocou cun bloque de xeo

De momento descoñécense as causas que provocaron o naufraxio. Algúns expertos descartan que puidera ser polo mal tempo, xa que este tipo de barco está deseñado para navegar en situacións complicadas. Ven dúas explicacións posibles.

"Unha avaria no sistema de refrixeración de auga salgada por un  problema nunha válvula, o que me estraña moitísimo nun barco tan novo. E a outra, que colidira cun obxecto flotante", dixo Guillermo Gefael, enxeñeiro Naval.

A autoridade marítima das Malvinas apunta a que o Argos Georgia puido chocar cun bloque de xeo semisumerxido.

Supervivente e desaparecido en Ribeira

En Ribeira están moi pendentes do operativo de rescate nas Malvinas. Buscan un veciño da vila, Juan Antonio García, que embarcara neste palangreiro por primeira vez para substituír o xefe de máquinas.

A busca estase facendo nunhas condicións moi malas: ondas seguidas de 7-8 metros, mal tempo e poucas horas de luz.

A boa nova para Ribeira é que outros tres veciños foron rescatados con feridas leves: o capitán do pesqueiro, o xefe de máquinas e un oficial, que xa falaron coas súas familias. A maioría teñen golpes, por estaren horas á deriva.

Fóra de Ribeira, hai outro rescatado que tamén é galego, un veciño de Pontevedra, duns 40 anos, que levaba tempo traballando no mar, pero era a primeira vez que embarcaba neste pesqueiro. 

O último naufraxio no caladoiro das Malvinas impactou tamén na parroquia do Obre, en Noia porque de alí é un dos desaparecidos do Argos Georgia. É Antonio Barreiro Torea, de 53 anos, o segundo xefe de máquinas do pesqueiro afundido.

A noticia da súa desaparición empezaba a difundirse esta mañá entre a veciñanza desta zona do extrarradio de Noia. Desde o Concello ofrecían o apoio á familia nestes momentos de incerteza. O alcalde, Santiago Freire, optaba por manter a esperanza nunha posible boa nova sobre o destino do seu veciño de 53 anos, aínda que recoñece que o paso das horas vai esvaecendo esa esperanza. 

Un dos falecidos galegos é Santiago Leyenda, de Baiona

De Baiona é outro dos galegos falecidos: Santiago Leyenda, o cociñeiro do barco. Tiña 39 anos e levaba cinco meses no Argos Georgia, era a súa primeira marea. A súa morte causou unha gran conmocion na vila, onde a súa familia está moi vinculada ao mundo do mar e é moi coñecida. 

As bandeiras do Concello de Baiona ondean a media hasta. O Concello acordaba de urxenca decretar un día de loito en sinal de dó pola morte de Santiago Leyenda, un dos náufragos galegos do Argos Georgia. 

Santiago, de 39 anos, era o cociñeiro. Esta era a súa primeira marea no Argos Georgia, pero ás súas costas contaba cunha longa experiencia na pesca de altura.

A noticia da súa morte causou unha gran conmoción na vila, onde a súa familia, moi vinculada ao mar, é moi coñecida. Tiñan un negocio que fundaran os avós de Santiago. Mentres que o seu pai e o seu tio sempre andaron á baixura, o seu tío incluso foi patrón maior da confraría. 

Santiago deixa muller e dous fillos. En apoio á súa familia a vila acolleu esta tarde un minuto de silencio no que estiveron presentes os familiares do falecido.

O outro galego falecido é César Acevedo, patrón do barco

O outro galego falecido era o patrón do barco, César Acevedo, un experimentado mariñeiro de Vigo. No seu barrio están conmocionados, tiña de 55 anos e estaba casado e con dous fillos.

Era un experimentado home de mar, e unha persoa moi coñecida na parroquia de Valadares, onde residía. A súa morte provocou unha fonda consternación na veciñanza. 

Están implicados en apoiar a familia. César Acevedo estudou Náutico Pesqueira en Vigo para enrolarse no Argos Georgia e outros barcos, porque o mar era a súa vida.

Coñecían a triste noticia esta mesma mañá. Aínda que vivía dende hai anos en Valadares, César Acevedo era orixinario da parroquia viguesa de San Miguel de Oia, onde tamén sofren o loito polo seu falecemento.  

Estaba pendente da xubilación e probablemente esta era a súa última marea. Hoxe Vigo chora unha nova traxedia no mar. O Concello decretou un día de loito oficial e as bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta. 

Na Televisión de Galicia falamos co ministro de Exteriores para ter a última información oficial deste naufraxio. José Manuel Albares di que o Goberno está disposto a asumir a repatriación dos seis españoles rescatados e dos corpos dos dous falecidos.

A Xunta está en contacto cos familiares da tripulación e puxéronse a disposición deles para o que precisen, como nos contaba o conselleiro do Mar.

O líder dos socialistas galegos lamentou esta nova traxedia no mar e trasladoulles o seu pésame ás familias das vítimas do naufraxio.

Dende o Bloque Nacionalista Galego tamén amosaron a súa solidariedade coas familias das vítimas e lamentan unha nova traxedia que, din, pon de manifesto a dureza da vida da xente do mar. Ana Pontón  enviou todo "o cariño" e as súas "condolencias" ás familias dos falecidos no naufraxio do Argos Georgia. Neste día, duro e triste, teñen, dixo, todo o apoio do BNG para que saiban que "están aí" para intentar  "arroupar eses corazóns destrozados".

O acto de entrega das Medallas de Galicia, que este ano recoñecen o audiovisual galego, arrancou cun minuto de silencio e o auditorio en pé polo naufraxio nas Malvinas. O presidente da Xunta comezou o discurso dicindo que hoxe o corazón dos galegos está coas vítimas e as súas familias. Galicia, dixo Rueda, abraza os mariñeiros con cariño e determinación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade