Podemos, BNG e outros sete partidos rexeitan nun manifesto o envío de tropas
Podemos, BNG e outros sete partidos rexeitan nun manifesto o envío de tropas
Din que o conflito "só pode resolverse a través do diálogo, a distensión e o convencemento de que a paz é o único camiño"
Nova fenda na coalición pola participación militar de España no conflito con Rusia
Podemos, Esquerda Unida, En Comú Podem, Alianza Verde, Bildu, BNG, CUP, Más País- Equo e Compromis asinaron un manifesto no que mostran o seu "rexeitamento frontal" ao envío de tropas ao Mar Negro e Bulgaria no marco da OTAN pola crise en Ucraína, cuxo ingreso na alianza atlántica instan a cesar.
Trátase do "Manifesto pola paz e para evitar unha nova guerra en Europa: desescalada e diálogo, non envío de tropas nin armamento a Ucraína", no que estas forzas políticas mostran a súa preocupación polo incremento da tensión bélica en Ucraína entre Estados Unidos e Rusia.
O conflito "só pode resolverse a través do diálogo, a distensión e o convencemento de que a paz é o único camiño", engade o escrito, no que estes nove partidos engaden: "A Unión Europea debe evitar verse arrastrada e formular propostas concretas de desescalada que eviten un conflito que prexudique gravemente a Ucraína e a toda Europa".
"Non podemos permitir que nos encerren nun vello esquema de Guerra Fría", defenden os nove partidos, que tamén inciden no seu respecto á "soberanía dos pobos" e o seu rexeitamento "ás ameazas militares dun país a outro estado soberano, sexa de quen sexa, así como calquera cambio de fronteira pola vía da agresión militar".
Instan, por todo iso, a desescalar a tensión e redobrar os esforzos diplomáticos "para impedir a guerra, así como cesar os plans para que Ucraína ingrese na OTAN á vez que se acordan medidas de garantía que satisfagan a todas as partes e defender os dereitos humanos".
Este manifesto coñécese pouco despois de que o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, iniciase este venres unha rolda de chamadas cos distintos portavoces da Comisión de Exteriores do Congreso para informarlles da posición do Goberno sobre a crise en Ucraína.
Despois de que representantes de Unidas Podemos revivisen o lema do "Non á guerra", Albares lembraba que é o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen marca a política exterior, nunha nova fronte entre os socios de coalición.
A fragata Blas de Lezo partirá do Arsenal Militar de Ferrol nas próximas horas para dirixirse ao Mar Negro.