Nun mes comeza a prórroga das peaxes na AP-9, pendente do escrutinio de Europa
Nun mes comeza a prórroga das peaxes na AP-9, pendente do escrutinio de Europa
Asociacións de consumidores denunciaron a ilegalidade das concesións e reclaman a gratuidade da vía
A autopista AP-9, que xunta Ferrol con Tui, leva en activo dende 1978 e actualmente circulan por ela uns vinte e cinco mil vehículos diarios. A mediados de agosto entra en vigor a terceira prórroga á súa explotación, autorizada no ano dous mil e que supón a continuidade das peaxes vinte e cinco anos máis, ata 2048.
Asociacións de consumidores acabaron denunciando a situación diante da Comisión Europea, por entender que as ampliacións das peaxes realizáronse de xeito ilegal ao non seren sometidas a concurso público. Por iso, piden a anulación da prórroga e declarar a gratuidade da vía, aínda que con reservas a que se logre este ano.
"Este ano 2023 non vai ser posible porque levamos catro anos con este procedemento e vaise demorar. O importante é que academos unha derrogación para que non teñamos que pagar", asegura Diego Maraña, presidente da asociación de consumidores "En colectivo", que en 2019 elevou ata as institucións europeas unha denuncia polas ampliacións da explotación da AP-9.
Fronte ás reclamacións, a concesionaria da autoestrada xa indicou que podería esixir unha indemnización milmillonaria no caso de que se reverta a concesión.
"Esa posible reclamación, xa que evidentemente haberá unha indemnización, non será esa cantidade porque un xuíz poderá entender que, o importe que non se amortizase, xa se tería cobrado en dividendo", matiza o presidente de "En Colectivo".
Diante das reivindicacións políticas e dos consumidores, será agora a Comisión Europea a que determine nos vindeiros meses se as prórrogas da explotación foron ilegais ou non, abrindo a porta á gratuidade da vía e á indemnización dos usuarios.