Nun mes entraron a roubar en doce negocios de Fisterra
Nun mes entraron a roubar en doce negocios de Fisterra
Os obxectivos principais son bares e restaurantes
A vaga de roubos intensificouse nos últimos días en Fisterra, o donos dos negocios están moi preocupados porque xa levan doce nun mes.
O último asalto foi na Casa do Mar. As primeiras hipóteses apuntan polo menos dúas, entraron de madrugada nas instalacións do Instituto Social da Marina, situadas na planta baixa da Casa do Mar. Os delincuentes accederon ao inmoble por unha das fiestras. Unha vez dentro esnaquizaron todo o que atoparon ao seu paso. Fuxiron con dous computadores.
O importe dos danos e do material roubado supera, como mínimo, os 5.000 euros á espera dunha valoración máis precisa por parte da dirección. Curiosamente no seu percorrido delituoso os asaltantes deixaron atrás un ordenador portátil. Desde fai tres meses sucédese unha pingueira de delitos por toda Fisterra.
Tamén o intentaron nun estanco na rúa Santa Catarina. Colocaron un anaco de mármore e unha cadeira xusto debaixo dunha das fiestras exteriores para tratar de acceder, supostamente, ao establecemento, pero finalmente desistiron. O almacén do bar Mariquito fai un par de semanas, foi outro dos obxectivos.
O bar O Canario, situado na rúa Federico Ávila, foi tamén dos últimos establecementos roubados, onde os asaltantes accederon pola parte traseira, a través dunha fiestra. Unha vez dentro foron directamente á máquina comecartos, da que levaron como botín o caixón coa recadación. En Fisterra teñen claro que os autores destes feitos residen na zona e son sobradamente coñecidos.
A espera do cálculo, todo indica que o valor dos danos nos establecementos foi moi superior ao que levaron. Poden superar sen problema os 15.000 euros.