O acusado do accidente en que morreron unha nai e dous fillos en Salceda pide perdón
O acusado do accidente en que morreron unha nai e dous fillos en Salceda pide perdón
Alfredo Ledo insiste durante a vista oral en que non lembra nada
A acusación cre probado que causou o sinistro conducindo bébedo e con exceso de velocidade
O xuízo quedou visto para sentenza
Visto para sentenza o xuízo polo accidente en que morreron unha nai e os seus dous fillos en Salceda de Caselas en marzo de 2021. O condutor acusado de provocar o sinistro pediu perdón polo dano causado na súa alegación final.
Fiscalía e acusación consideran probado que foi o causante do sinistro, que ía bébedo, a velocidade excesiva e que invadiu o carril contrario. O Ministerio Fiscal mantén a petición de cinco anos de cárcere, mentres que a acusación particular a eleva a nove ao considerar que houbo dolo.
As defensas manteñen a petición de libre absolución por considerar que non quedou probado que o acusado fose o causante do accidente.
No seu alegato final Alfredo Ledo, o acusado de provocar o accidente mortal en que faleceron María Luísa, de 39 anos, e os seus dous fillos, de 13 e 6, en marzo de 2021, pediu perdón polo dano causado e insistiu en que non lembra nada do que pasou.
O seu avogado e o da compañía de seguros manteñen a petición de libre absolución ao considerar que os informes periciais non proban que el fose o causante do accidente e que houbo vontade reparadora ao pagar as indemnizacións que se esixían inicialmente.
O acusado escoitou coa cabeza entre as mans as conclusións da fiscalía e da acusación particular. Consideran probado que el foi o causante do accidente. Que conducía bébedo, a velocidade excesiva, e que invadiu o carril contrario e colidiu co coche da vítima.
A fiscalía mantén a petición de cinco anos de prisión por tres delitos de homicidio por imprudencia, pero a acusación eleva a pena a nove anos porque cren que houbo dolo, é dicir, que sabia que non estaba en condicións de conducir e asumiu o risco poñéndose ao volante.