Publicador de contidos
Publicador de contidos

O avión para repatriar os mariñeiros do Argos Georgia partiu xa cara ás Malvinas

O avión para repatriar os mariñeiros do Argos Georgia partiu xa cara ás Malvinas

O avión de Defensa partiu ás 11 da mañá deste venres

A repatricion dependerá tamén da investigación do naufraxio, xa que os seis sobreviventes teñen que prestar declaración antes de retornar a España

Chegan a terra 13 dos 14 superviventes do naufraxio nas Malvinas

G24.gal 25/07/2024 11:32 Última actualización 25/07/2024 21:18

O avión militar español que vai repatriar os mariñeiros españois do Argos Georgia engalou sobre as 11 da mañá deste venres camiño das illas Malvinas.

As malas previsións meteorolóxicas poderían obrigar a unha aterraxe alternativa, o cal atrasaría un pouco o operativo de repatriación.

Desde este xoves xa en terra

Os sobreviventes do pesqueiro Argos Georgia, que naufragou este martes fronte á costa das Illas Malvinas, xa chegaron a porto este xoves e atópanse en bo estado de saúde.

Os pesqueiros Robin M. Lee, no que viaxaba un sobrevivente e un falecido, e o Puerto Toro, cos oito falecidos restantes a bordo, atracaron na tarde deste xoves en Porto Stanley.

Segundo a información que recibiu, os superviventes atópanse ben e agora están a descansar no aloxamento preparado para eles.

José Manuel Albares sinalou que os labores de busca dos desaparecidos se tiveron que interromper polas condicións do mar.

Con todo, van tentar retomalos en canto as condicións o permitan, segundo a información que lle facilitaron.

O afundimento, que tivo lugar a madrugada do martes, custou a vida de polo menos nove persoas da tripulación, entre eles dous galegos: César Acevedo, veciño de Vigo e patrón de pesca do barco, e Santiago Leyenda, de Baiona (Pontevedra) e cociñeiro principal da embarcación.

Entre os tripulantes españois hai, ademais, dous desaparecidos, naturais das localidades de Ribeira e Noia, na Coruña, e seis sobreviventes: catro galegos (tres de Ribeira e un de Pontevedra), un de Barcelona e outro de Albacete.

En Marín agardan a chegada dun dos superviventes

En Marín agardan a chegada dun dos superviventes, o segundo oficial Francisco Gondar.

Os familiares e os veciños alédanse de que se salvase, pero recordan o resto de mortos e de desaparecidos.

En Marín é erguer a vista e ver un barco das Malvinas. O buque Prion recórdalles aos veciños o vínculo co porto de Stanley. Ao carón, no estaleiro de Nodosa están ultimando a construción dun novo pesqueiro para a mesma empresa do Argos Georgia. Trátase do Argos Berbés, tamén para As Malvinas.

Os marinenses que foron ás Malvinas e coñecen ben o caladoiro non dan explicado que puido pasar.

Un buque moderno construído en 2018

O Argos Georgia é un buque construído en Turquía, coa última tecnoloxía a bordo, do ano 2018. Un acoirazado de trinta millóns de dólares deseñado para operar en augas frías, de 54 metros de eslora e 13 de manga, cun peso bruto de 2.000 toneladas. 

O luns á noite o capitán lanzou a mensaxe "danos causados por inclemencias meteorolóxicas. Entrada de auga masiva". A autoridade marítima das Malvinas apuntou a que puido impactar cun iceberg. Expertos apuntan a outras posibilidades, como que entrase a auga durante a manobra de recollida dun aparello. Segundo a Armada arxentina, os 27 tripulantes lanzáronse ás lanchas salvavidas máis de dúas horas despois de emitiren o SOS.

Na primeira balsa que se atopou, había unha persoa viva e outra morta. Na segunda, outros dous cadáveres. Na última estaban os outros trece superviventes. Para expertos como o enxeñeiro Primitivo González, estas balsas non son adecuadas para estas augas da Antártida.

E apunta dúas claves para evitar as mortes no mar: medios de flotabilidade aumentada para que os barcos teñan máis estabilidade e medios de salvamento adecuados para a zona en que se está traballando. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade