O BNG leva ante a Defensora do Pobo europea o veto á pesca
O BNG leva ante a Defensora do Pobo europea o veto á pesca
Ana Miranda denuncia que a medida se aprobou "sen realizar de forma previa un estudo das consecuencias sociais e económicas" no sector pesqueiro galego
A eurodeputada do BNG Ana Miranda denunciou ante a Defensora do Pobo europea a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de arrastre en 87 caladoiros do Atlántico "sen realizar de forma previa un estudo das consecuencias sociais e económicas" desta prohibición no sector pesqueiro galego.
Nun comunicado, a parlamentaria do BNG explicou que decidiu levar esta decisión ante a Defensora do Pobo en Europa, Emily O’Reilly, por considerar "inaceptable" adoptar "unha decisión deste calado sen medir o seu impacto económico".
A xuízo de Miranda, trátase de "un defecto de forma moi grave" e “unha ilegalidade” tal e como explicou no encontro co sector pesqueiro na lonxa de Ribeira, no que asegurou que o comisario de Pesca debe dimitir por prevaricación.
Denunciou que o comisario incumpriu os actos administrativos correspondentes posto que unha medida de impacto económico tan grave "debe ir acompañada non só de informe científico, senón tamén dun estudo de impacto socioeconómico".
Respecto diso, a deputada do BNG reprochou que nin a Xunta nin o Goberno central "souberon anticiparse a esta decisión" polo que "a ignorancia da Comisión Europea e a pasividade dos gobernos galegos e estatal teñen estas consecuencias".