O conflito do Campo da Fonte de Faxilde, Vilagarcía, na Valedora do Pobo
O conflito do Campo da Fonte de Faxilde, Vilagarcía, na Valedora do Pobo
Os veciños de Faxilde reclaman a titularidade pública do terreo
O conflito orixinouse en 2012 e xa pasou por gobernos municipais de distinto signo político
O debate de se é publico ou privado o Campo da Fonte de Faxilde, en Vilagarcía, dá un novo pulo.
Os veciños, a través da asociación, insisten en que sempre foi público e, ante a controversia que manteñen co Goberno municipal, levaron a queixa á Valedora do Pobo, que a admitiu a trámite.
"O Concello regaloulle a un particular o terreo, que é público, mais dous particulares. Cambiou o catastro. Aquí había un terreo público de 250 metros cadrados que non están", afirma Dolores Miramontes, presidenta da asociación de veciños de Faxilde.
Os responsables municipais, baseándonse nun informe topográfico, din que de titularidade pública son só os 176 metros cadrados do lavadoiro e o espazo de acceso. Os veciños afirman que o Concello vilagarcián regalou o que era unha eira da veciñanza e por riba empregou recursos públicos en delimitala.
"E despois, aínda por riba xa para 'recochineo', límpanlle a parcela particular. A que delimitaron como parcela particular está a limpala o Concello", engade Miramontes.
A representante dos veciños de Faxilde di que non dispoñen de cartos para acudir coa súa demanda aos tribunais, por iso pediron a intervención da Valedora do Pobo.
Tamén aseguran que o Goberno municipal responde co silencio administrativo as súas reclamacións.
"Sentímonos David contra Goliat. Gustaríanos ter a fonda con que lle puideramos dar, porque nos parece unha inxustiza", sinala a presidente da asociación de veciños de Faxilde.
O Goberno municipal de Vilagarcía deberá proporcionarlle á Valedora do Pobo a documentación requirida sobre un conflito orixinado en 2012 e que xa pasou por gobernos municipais de distinta cor política.