O Congreso emprende o cuarto intento para traspasar a AP9 a Galicia
O Congreso emprende o cuarto intento para traspasar a AP9 a Galicia
Todos os grupos agás Vox apoiaron que se admita a tramite o proxecto de lei aprobado por unanimidade no Parlamento galego
Gómez Besteiro, Ana Pontón e Alberto Pazos defenderon, entre reproches, que a Xunta asuma a titularidade da autoestrada e que quede libre de peaxes
O Congreso dos Deputados debaterá de novo o traspaso da AP-9 a Galicia. Todos os grupos, agás Vox, apoiaron que se admita a trámite o proxecto de lei aprobado por unanimidade no Parlamento galego. É a cuarta vez que a iniciativa chega ás Cortes, pero, ata o de agora, nunca prosperou.
Defendérona no Congreso José Ramón Gómez Besteiro, Ana Pontón e Alberto Pazos, do PP.
"Aos galegos prometéronnos unha AP-9 100% galega e libre de peaxes, e iso é o que pedimos", dixo o popular.
Ana Pontón, do BNG, defendeu: "É unha das demandas máis sentidas do meu país, poder circular por unha AP-9 galega e libre de peaxes. Non volvan burlarse de Galiza".
"A gratuidade é sen dúbida o máis importante. Aos galegos e ás galegas impórtalles máis que se levanten as barreiras que a titularidade do asfalto", mantivo Gómez Besteiro.
Obxectivo común, pero no medio de reproches. PP, PSOE e BNG cúlpanse mutuamente de que a lei nunca prosperase no Congreso dos Deputados.
"Xa foi vetada para debaterse con gobernos do PP. O PP votaba cunha man e vetaba con outra", lembrou Gómez Besteiro.
O nacionalista Néstor Rego di: "O PP e o PSOE votan as iniciativas do BNG en Galicia pero despois aquí manobran para que non saian adiante".
Francisco Conde, do PP, asegurou: "Falan de bloqueos, pero seis anos e medio de goberno do PSOE apoiado polo BNG dío todo. Se houbo bloqueos, que os houbo, os culpables teñen nome e apelidos"
Cos votos en contra de Vox, o Congreso aceptou discutir de novo o traspaso a Galicia da AP-9, a vía que vertebra o Eixo Atlántico de norte a sur e pola que circulan cada día 25.000 vehículos.