O consumo de carne de coello sitúase en menos dun quilo por persoa e ano
O consumo de carne de coello sitúase en menos dun quilo por persoa e ano
Galicia é o segundo produtor do estado, con 150 granxas e 6.700 toneladas de carne
Os produtores reciben arredor de dous euros e medio por cada animal
Galicia é o segundo produtor de coello de España, cunhas 150 granxas e 6.700 toneladas anuais de carne. Aínda así, cada galego consome menos dun quilo ao ano, unha cantidade que era o dobre hai unha década. A baixada de consumo semella pouco xustificada xa que se trata dunha das carnes máis baratas e saudables do mercado e que ofrece unhas enormes posibilidades culinarias.
"33 gramos de proteína por cada 100 gramos. Unha carne espectacular para cativos ou deportistas", apunta Eva Vázquez, veterinaria.
"Pódese partir e facer cada parte dun xeito diferente. Ofrece moitas posibilidades", explica Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla.
Falta de demanda e de distribución, lembranza de pragas de hai décadas... as razóns da baixada semellan febles. Ademais, agora os coellos comezan a converterse en mascotas, algo tabú para o seu consumo. Os coellos pasan 65 días nas granxas e saen cun peso de dous quilos, polos que o gandeiro recibe uns dous euros e medio.
"En Cataluña si que había demanda, pero aquí son pratos con moi pouca demanda e rotación", conta Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla.
"A rastrexabilidade de cada gramo de coello está garantida dende que sae da granxa ata que chega ao prato", di Eva Vázquez, veterinaria.
Dende a interprofesional do coello traballan para que non quede reducido aos que se crían nas casas ou aos que se cazan na temporada.