O custo de vivir sen glute: ata 700 euros máis na cesta da compra
O custo de vivir sen glute: ata 700 euros máis na cesta da compra
As persoas con celiaquía reclaman axudas para afrontar o sobrecusto alimentario
Santiago de Compostela acolleu a segunda feira gastronómica de Galicia sen glute
Marmelo de figos con chocolate ou de esencia de cervexa. Empanadas, larpeiradas e tortas de Santiago. A variedade de produtos para os celíacos non ten nada que ver coa escaseza de oferta de hai unha década.
Este domingo en Santiago celebrábase a segunda edición da feira gastronómica de Galicia sen glute, para achegar as novas posibilidades alimentarias ás persoas afectadas pola celiaquía.
A celiaquía é unha enfermidade autoinmune que impide dixerir correctamente o glute, unha proteína dos cereais coma o trigo, presente tamén nas fariñas coas que se fan moitos alimentos. O único remedio coñecido é unha dieta estrita a base de produtos sen glute, que son significativamente máis caros.
As persoas afectadas por esta doenza recoñecen que os prezos que se poden atopar no mercado poden triplicarse con respecto aos produtos habituais con glute.
"O sobrecusto é moi amplo. Se o resumimos na cesta da compra increméntase máis de setecentos euros ao ano, e que produto a produto, en produtos habituais é un custo enorme", asegura Gloria Bernárdez, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA).
Na comunidade galega hai máis de 2.000 familias afectadas pola celiaquía, pero podería haber moitas máis non diagnosticadas, polo que piden axuda ao Goberno central para non afrontar totalmente o sobrecusto da súa doenza.