O detido por compravenda ilegal de coches di ser vítima: "Somos uns estafados máis"
O detido por compravenda ilegal de coches di ser vítima: "Somos uns estafados máis"
O xerente do taller Antonio Pintos de Pontevedra di que a rede de tráfico de coches de luxo roubados tamén se aproveitou del
O mozo, que está en liberdade pero en condición de investigado, defende que todas as operacións se fixeron con vehículos "matriculados en España" e "con facturas de compra"
O mozo detido onte en Pontevedra pola súa presunta implicación nunha rede dedicada á compravenda ilegal de vehículos de alta gama en España e Portugal defende a súa inocencia e asegura ser unha vítima máis destas estafas.
Primeiro a través das redes sociais do taller que rexenta na cidade, escenario dun dos oito rexistros realizados nesta operación policial, e despois en declaracións ante as cámaras da Televisión de Galicia, asegurou que tanto el como a súa empresa son "os primeiros interesados" en esclarecer esta investigación.
"Queremos descubrir os verdadeiros responsables dos posibles delitos cometidos", sinalou o mozo, que quedou en liberdade tras comparecer en sede policial.
"Resulta que eses coches non os pagaron no país de orixe. Nós comprámolos matriculados en España. O único medio que temos é pedir un informe a Tráfico. Aquí están os informes e todos ben. Facturas de compra, ingresos bancarios, teño todo ben. No 2020 reclamáronnos información dun coche. Fun a Madrid á Garda Civil e xa lles dixemos que compraramos sete coches máis a esa mesma empresa. Nós mesmos alertamos no 2020", asegura.
Explica que o seu taller adquiriu en 2020 varios coches a través dun provedor, vehículos que estaban matriculados legalmente en España e que, polo menos aparentemente, "non ofrecían desconfianza de ningún tipo para pensar que puidesen ter unha orixe ilícita".
"O prezo dos coches é un prezo normal de mercado, non compramos ningún choio, e gañamos moitos cartos. Eu compro os coches matriculados en España, coas dúas chaves, libro de mantemento, con garantía oficial da casa. Levámolos ao concesionario oficial a facer os mantementos. Nada que fixera sospeitar".
"Compramos uns dez vehículos. Aos compradores imos solucionarlles os problemas cando o permita o xuíz. Seguramente que queden con eles porque xa os levan usando dous anos, e o que cometeu o delito no outro país será o que teña que pagar. Nós somos uns estafados máis", conclúe.
Todas as operacións están rexistradas con facturas
Nin Tráfico nin os servizos oficiais das respectivas marcas, engadía o mozo no seu comunicado deste mércores, "alertaron de ningunha incidencia" e foi despois de vender os coches cando descubriu que estes poderían ser subtraídos en Portugal, o que comunicou ás autoridades.
Insiste en que todas as transaccións realizadas nesas operacións de compravenda "están perfectamente documentadas" con facturas de compra e de venda, realizáronse sempre mediante transferencia bancaria e figuran asentadas na contabilidade da empresa.
Aseguran plena colaboración coas autoridades
Por todo iso, o xerente do taller afirma: "Colaboramos coas autoridades españolas e portuguesas e así o seguiremos facendo en todo canto nos soliciten na medida das nosas posibilidades".
Os investigadores da Policía Nacional poñen agora o foco nos motivos que permitiron a compra destes coches.
Neste punto aparece o persoal da Xefatura Provincial de Tráfico, que deberá acreditar que efectuou a operativa con arranxo ao protocolo de seguridade que se require nestes casos.
Esta operación policial, desenvolta de maneira conxunta pola Policía Nacional e a Policía Xudicial de Portugal, desembocou onte martes na detención de vinte persoas, 17 delas no país luso, epicentro desta actividade, e tres en Galicia.
Os oito rexistros realizados en terras galegas foron en Pontevedra, Ourense e Verín.
A rede operaba a través de roubo ou a adquisición a través de renting de vehículos de alta gama en Portugal que, posteriormente, vendían en España utilizando identidades falsas ou manipulando a súa documentación e o seu número de bastidor para ocultar a súa orixe.