O exnoivo de Déborah Fernández declarará no xulgado o 11 de marzo
O exnoivo de Déborah Fernández declarará no xulgado o 11 de marzo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala o aprazamento
O caso só prescribe se despois do interrogatorio o home queda en liberade sen cargos
O xulgado de Tui aprazou ata marzo a citación do exnoivo de Déborah Fernández, a moza viguesa supostamente asasinada en 2002. Os avogados do rapaz, único investigado nesta causa, pediron máis tempo para estudar o seu expediente xudicial. De momento, o caso non prescribe.
A declaración xudicial do exnoivo de Déborah Fernández estaba prevista para o día 21, luns da semana que vén, pero os avogados solicitaron un aprazamento para non deixar ao home en indefensión, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia concedéullelo. O interrogatorio será o 11 de marzo.
"O caso Déborah é un caso que ten toda a nosa atención, como o resto de asuntos dos xulgados de Galicia. Se a xuíza decidiu atrasar a comparecencia ou unha declaración, pois ela coñece perfectamente os motivos e nós non temos nada que dicir", dixo José María Gómez Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O caso de Déborah Fernández prescribía en abril, ao facer 20 anos da desaparición e morte da rapaza. Agora, tras a decisión de chamar a declarar o que fora o seu noivo, o tempo queda conxelado. Volverá arrancar se o home queda en liberdade sen cargos, e partirá de cero se se inicia un proceso contra el.