O futuro do helicóptero Pegasus da DXT en Galicia está no aire
O futuro do helicóptero Pegasus da DXT en Galicia está no aire
O helicóptero de Tráfico leva parado dende maio, pendente de mantemento
O CSIF asegura que o queren substituír por drons, máis limitados nas tarefas da vixilancia
O futuro do helicóptero co que a Dirección Xeral de Tráfico vixía as estradas galegas semella estar máis ca nunca no aire. Dende o sindicato CSIF acaban de denunciar que a DXT está a desartellar este servizo e que pretende substituír a frota de helicópteros con drons.
En total, hai trece destes aparellos repartidos por toda a xeografía española, aínda que, segundo o sindicato, só seis permanecen operativos e o resto están pendentes de revisións.
O Pegasus que vixía as vías galegas ten a súa base no aeroporto coruñés de Alvedro, pero está fóra de servizo dende o mes de maio. Esta aeronave non só dá cobertura a Galicia, senón tamén a Asturias, Cantabria e a zonas de León e Zamora.
Segundo a DXT, o helicóptero está pendente dunha operación de mantemento aprazada ata que se renove a contía estatal dedicada ao coidado destes aparatos. Polo momento, a aeronave foi trasladada ás dependencias de tráfico en Arteixo.
A DXT asegura que o futuro da vixilancia aérea das estradas correrá a cargo dos drons, pero de momento, seguirá empregando un modelo mixto, con drons e tamén cos helicópteros.
Poren, para o CSIF os drons non son equiparables ás aeronaves, xa que, ademais de careceren do seu efecto disuasorio, non teñen velocidade nin autonomía dabondo para perseguir infractores, polo que se estaría a prexudicar o control do tráfico e a seguridade viaria.