Publicador de contidos
Publicador de contidos

O salario mínimo alcanza a cota dos mil euros

O salario mínimo alcanza a cota dos mil euros

O Goberno pecha cos sindicatos unha suba de 35 euros do SMI, que terá efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro

A patronal desvinculouse do acordo, como xa anunciara na véspera

Unai Sordo, Yolanda Díaz e Pepe Álvarez na sinatura do acordo
G24.gal 09/02/2022 12:27

O Ministerio de Traballo e os sindicatos UGT e CCOO pactaron elevar 35 euros o salario mínimo interprofesional (SMI) ata situalo en 1.000 euros brutos en 14 pagas desde o 1 de xaneiro de 2022.

Este incremento, anunciado este mércores pola vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz, satisfai as demandas dos sindicatos, mentres que a CEOE volve quedar fóra do acordo, tal e como xa anunciou este martes.

Nunha comparecencia de prensa tras a sinatura do acordo, a vicepresidenta agradeceu a todos os axentes sociais o traballo realizado nesta mesa e sinalou que, aínda que o acordo só se subscribiu cos sindicatos, o importante é que houbo diálogo social.

Ademais, afirmou que, a pesar da negativa dos empresarios a apoiar o acordo, o diálogo social goza dunha "magnífica saúde".

"O Goberno e os axentes sociais que hoxe asinan este acordo cumpren co seu país. Subir o SMI foi moi positivo para o noso país e moi positivo para a nosa economía", destacou a vicepresidenta, que engadiu que a "mellor ferramenta para combater a pobreza laboral" é o SMI.

A vicepresidenta nega que a suba do SMI destrúa emprego

Díaz negou que a alza do salario mínimo interprofesional vaia destruír emprego en sectores como a agricultura ou entre os autónomos. Esta consideración tamén a compartiron os líderes sindicais, que cualificaron esta tese como "teoloxía".

"Non hai ningún dato que permita corroborar o que se está dicindo. É ciencia ficción. No sector agrario temos unha marca de afiliados, con máis de 840.000 ocupados. Lonxe dese mantra que se repite de que se destrúe emprego, temos récord de afiliacións á agricultura, a pesar de subir un 31 % o SMI ata o ano actual. O mesmo sucede cos autónomos", subliñou Díaz.

Así mesmo, a vicepresidenta indicou que "a patronal española sabe" que os causantes da inflación non son os salarios e "tamén sabe" que esta medida é "boa" para a economía española.

A CEOE xa anticipara o seu non á proposta, por considerar que non é o momento. Os empresarios cren que subir o SMI vai contra a lóxica económica e cren que non houbo negociación posible: "Tíñano xa comprometido cos sindicatos, non houbo como tal un proceso de negociación, senón unha consulta", di Rosa Santos, directora de Relacións Laborais da CEOE.

De cara á subida do SMI para 2023, que deberá situalo no 60 % do salario medio, Díaz subliñou que se convocará o Comité de Expertos canto antes para que empecen a traballar sobre a alza para o próximo ano. En todo caso, a vicepresidenta garantiu que o Goberno "cumprirá" co compromiso de situalo no 60 % do salario medio a final da lexislatura.

Impacto en 1,8 millóns de traballadores, especialmente mulleres e mozos

Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO Unai Sordo expresou a súa "satisfacción" pola sinatura deste acordo, que impactará directamente sobre 1,8 millóns de traballadores, e subliñou que aumentar o SMI ata os 1.000 euros mensuais por catorce pagas é "coherente" co obxectivo de levalo ata o 60 % do salario medio a final da lexislatura.

Así, lembrou que os sindicatos subscribiron en 2018 un acordo con CEOE e Cepyme para situar o salario mínimo de convenio en 14.000 euros anuais en 2020, e a ese acordo os empresarios mostráronse "insubmisos", segundo denunciou. Por iso, considerou "incomprensible e incoherente" que as patronais non avalen unha subida que xa tiña que cubrir á inmensa maioría dos traballadores.

Nesta liña, o seu homólogo da UGT Pepe Álvarez sinalou que, como a CEOE non cumpriu co que asinou no pacto de negociación colectiva, moitos convenios verán incrementados os salarios debido á alza do SMI. "Se cumprisen, a afectación sería pequena", dixo.

"Gustaríame que a patronal fora plenamente consciente de que o salario mínimo ten que seguir crecendo nos próximos anos. Este acordo vai en dirección ás formulacións que ten a Unión Europea, que de maneira permanente nos insta a que subamos os salarios en España", apuntou.

Tanto Álvarez como Sordo destacaron que a subida do SMI irá directamente ao "corazón" das mulleres e os mozos, que son os máis afectados. De feito, o perfil do traballador que máis se beneficiará con esta repunta do salario mínimo correspóndese co dunha muller de 16 a 34 anos que traballa fundamentalmente no sector agrícola.

Minuto a minuto

13:17

Comeza a comparecencia

13:17

Yolanda Díaz: "Quixemos propiciar o acordo dentro da mesa do diálogo social, e quero darlle ás grazas tanto aos representantes dos empresarios como dos sindicatos que traballaron para lograr un acordo".

13:19

Yolanda Díaz: "Alcanzamos un acordo con CCOO e UGT para subir o salario mínimo a 1.000 euros con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro".

13:21

A ministra de Traballo e vicepresidenta segunda destaca o efecto da suba do salario mínimo na loita contra a brecha de xénero e con afectación directa nos mozos.

13:24

"Deixamos atrás a España dos baixos salarios", asegura Yolanda Díaz.

13:25

Unai Sordo, secretario xeral de CCOO: "Satisfacción polo acordo, perfectamente coherente coa suba ao 60 % do salario medio antes do fin da lexislatura".

13:27

Unai Sordo: "É incomprensible que as organizacións empresariais non avalen esta suba. Amosáronse insubmisas durante estes anos ao acordo que eles mesmos asinaron".

13:28

Unai Sordo: "O SMI ten un impacto en máis de 1.800.000 persoas. A suba reduce a brecha salarial de xénero. Pero se algún sesgo ten é o da idade".

13:31

"Non é verdade que a suba do SMI destrúa emprego", asegura o secretario xeral de CCOO.

13:31

Pepe Álvarez, secretario xeral da UGT: "As primeiras palabras son de agradecemento ao Goberno. Este é un Goberno que cumpre".

13:34

"A cifra de 1.000 é simbolicamente moi importante. É romper un teito", di Álvarez.

13:35

Pepe Álvarez: "O acordo vai no camiño polo que van os países europeos. É un paso que vai na dirección adecuada".

13:36

"A suba aos 1.000 euros vai ao corazón dos que menos teñen. Vai afectar fundamentalmente ás mulleres, que traballan nos sectores máis precarizados. Vai ao corazón dos máis novos", di Pepe Álvarez.

13:38

"O salario mínimo non destrúe emprego. Ao contrario, xera actividade económica e máis emprego", asegura o secretario xeral de UGT.

13:40

"En relación co sector agrario, no ano actual temos un récord en afiliacións á Seguridade Social", explica Yolanda Díaz para asegurar que a suba do SMI non destrúe emprego en sectores como a agricultura. "Os datos falan por si mesmos", di a vicepresidenta segunda. "O mesmo ocorre cos autónomos, temos récord de afiliacións".

13:43

"Unidas Podemos e o Partido Socialista temos proposta diferentes en materia fiscal", di Yolanda Díaz. "Unidas Podemos ten unha posición clara que é quen máis ten, máis aporte".

13:44

"Diálogo social houbo e rematou cun acordo bipartito. A patronal non quixo asinar este acordo, pero doulle as grazas pola súa participación. O diálogo social goza de boa saúde", di Yolanda Díaz.

13:47

"A patronal española sabe que inflación non é por causa dos salarios dos traballadores", di a ministra de Traballo. "Esta medida non só é boa para os traballadores, senón tamén para economía. Se un traballador ten dispoñibles mil euros, poderá gastar un pouco máis. Iso é ciencia, o outro é teoloxía".

13:52

"Quen está sufrindo a suba dos prezos dunha forma máis dramática son os traballadores con salarios máis baixos", di Pepe Álvarez.

14:21

Finalizan as intervencións

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade