O hospital de campaña español no sismo de Turquía atendeu máis de 7.000 pacientes nun mes
O hospital de campaña español no sismo de Turquía atendeu máis de 7.000 pacientes nun mes
"Foi unha experiencia durísima tanto profesional como persoalmente, pero ao tempo enriquecedora" asegura Félix Ruibal, xerente da área sanitaria de Ourense que dirixiu a instalación durante dúas semanas
Traballaron na provincia de Hatay, na fronteira con Siria, co recoñecemento das autoridades e da poboación local
Félix Ruibal, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras relata no espazo BD da TVG que se decidiu a traballar na axuda aos damnificados polo terremoto de Turquía tanto polo seu perfil asistencial médico como unha opción persoal, pola necesidade de botar unha man.
"Estou no equipo START integrado por persoal de emerxencias de todo o Estado e a miña vocación sanitaria levoume a desprazarme sobre o terreo. Foi unha experiencia durísima tanto desde o punto de vista profesional como persoal pero ao tempo enriquecedora. Botar unha man nun territorio devastado polos efectos do tremor e coa destrución completa do seu tecido sanitario tivo a satisfacción que se ve retribuída polo agradecemento da poboación turca. Ante a necesidade agradecía os nosos esforzos, nunhas condicións que tamén entendían que non eran as mellores", di Ruibal.
En Turquía ante a inexistencia de ningún recurso dispoñible asegura que consideraban fundamental o apoio dos equipos de axuda desprazados. O hospital de campaña español situado na provincia de Hatay na fronteira con Siria atenderon 7.400 pacientes en 33 días.
"O traballo era continuo durante os 15 días que alí estiven, coas portas abertas durante as 24 horas en condicións moi complicadas. A atención comezou o primeiro día coa colaboración excepcional dos médicos locais. A colaboración era moi intensa. Eu dirixín un equipo de 50 persoas de diferentes puntos de España", refire Ruibal.
As dificultades aparecían na xestión da contorna cuns recursos sanitarios locais cunha necesidades extraordinarias, pero o xerente da área sanitaria de Ourense di que todo se superou cunha estreita colaboración de Turquía ante unha situación dramática.
"Das persoas ás que lles prestamos asistencia, un 25 ou un 30 % eran cativos. Ademais, na zona en que traballamos próxima á fronteira con Siria residían unha alta porcentaxe de refuxiados sirios que precisaban unha atención especial xa que ademais de perdelo todo estaban en campos nunhas condicións hixiénico-sanitarias moi complexas, o que requiría un esforzo adicional", incide Félix Ruibal.
Asegura o médico galego que a experiencia moi dura nun país no que de súpeto morren unhas 50.000 persoas e onde toda a axuda é pouca, a un como experiencia persoal a cabeza faille un clic e cambian as prioridades na vida.
"Ver o sufrimento alleo, perdas irreparables, familias enteiras desfeitas, a contorna arrasada en segundos faite pensar, reflexionar sobre as cousas importantes cando ademais o contrapoñemos a situación de benestar da que gozamos".