Publicador de contidos
Publicador de contidos

Queda en liberdade tras roubar tres veces esta semana un bus en Ferrol

Queda en liberdade tras roubar tres veces esta semana un bus en Ferrol

O mozo de 19 anos, natural de Neda, non ten carné de conducir

A Policía Local sospeita que xa o fixera noutras ocasións

G24.gal 09/12/2022 14:42 Última actualización 09/12/2022 19:41

Un mozo de 19 anos, natural de Neda, quedou en liberdade este venres tras declarar perante o xulgado de Instrución número 3 de Ferrol polo roubo en tres ocasiones ao longo desta semana dun microbús que permanecía na estación de autobuses de Ferrol.

Fontes xudiciais confirmaron que non se solicitaron medidas cautelares para o arrestado, detido en dúas ocasións por estes feitos.

O último roubo produciuse este xoves pola tarde. O mozo, que non ten carné de conducir, roubou o vehículo e trasladouno ás portas dun centro comercial en Narón.

"Unha compañeira da Policía Local de Narón foi quen deu aviso, tras escoitalo, no interior do centro comercial, alardeando de que tiña na porta un autobús, comprobouno e efectivamente alí estaba, así que foi detido de novo", relata o xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chaos.

A empresa xa presentou denuncia e desde o Concello de Ferrol reclaman unha maior vixilancia na estación de autobuses.

Non era a primeira vez que o facía. A noite anterior xa roubara outro, do que a policía tivo noticia tras recibir unha chamada do condutor dun turismo.

Acababa de ser golpeado polo autobús e, tras localizalo, comprobaron que o mozo entrara na estación sen impedimentos e levara o vehículo sen forzalo, porque estaba aberto e tiña as chaves postas.

Máis veces

Ademais, segundo confirma Chaos, "temos moitos indicios de que xa o fixera máis veces, e vídeos que constatan que levou xente dentro".

De feito, as imaxes e os audios que transcenderon certifican que o mozo acudiu co microbús roubado ás inmediacións dunha discoteca próxima á estación e ofreceuse a levar os mozos e mozas ata as súas casas de balde.

Non só iso, a policía tamén confirma que ademais de circular polas rúas de Ferrol foi moito máis aló: ata As Pontes e mesmo ata Ortigueira.

As forzas de seguridade pídenlle á empresa que reforce as medidas de seguridade, unhas medidas que desde o Concello reclaman tamén para o recinto da estación de autobuses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade