Publicador de contidos
Publicador de contidos

O maior alixo de cocaína intervido en España tiña nexos con empresas do porto de Vigo

O maior alixo de cocaína intervido en España tiña nexos con empresas do porto de Vigo

O cargamento estaba nun dos 16 colectores de bananas da organización

A droga, procedente de Colombia, embarcou no Ecuador e ía ser trasladada a Portugal para a súa distribución final en Europa

Vigo e Alxeciras eran os principais portos empregados pola rede criminal para traer a droga desde O Ecuador

Máis de 9,4 toneladas de cocaína comisada pola Policía Nacional e a Axencia Tributaria no maior golpe contra o narcotráfico en España
G24.gal 26/08/2023 12:35 Última actualización 26/08/2023 15:51

A Policía Nacional, nunha operación conxunta con funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, incautouse no porto de Alxeciras, en Cádiz, dun total de 9.436 quilos de cocaína, no que supón un golpe histórico ao narcotráfico en España, ao ser a intervención do maior alixo de cocaína en territorio español.

O comiso da droga produciuse dentro da chamada operación Nano, iniciada a mediados do mes de xullo, ao terse coñecemento dunha organización criminal internacional que pretendería introducir esta droga no país, e que foi achada este pasado mércores nun contedor refrixerado procedente do Ecuador e con destino a Portugal que dicía conter 1.080 caixas de bananas.

O contedor rexistrado indicaba que contiña bananas, algo que era correcto nos primeiros palés, pero que, xa nos seguintes, transportaban unha pequena capa de bananas e debaixo, as pastillas de cocaína. Polo momento non se produciron detencións e a investigación segue aberta.

Os principais responsables non se atopan en España senón en terceiros países onde se continúa levando a cabo a investigación.

Destino, centro Europa e con máis de 30 logotipos diferentes

O destino desta droga non era a península ibérica, senón países do centro de Europa, como deixa constancia o feito de que neste cargamento ilícito detectáronse máis de 30 logotipos diferentes, os cales se corresponden coas diferentes organizacións criminais europeas receptoras do alixo.

Os investigadores evidenciaron que a organización operaba a través dunha empresa dedicada ao comercio internacional de bananas situada en Machala (O Ecuador). Desde alí enviaban a mercadoría en contedores marítimos a diferentes empresas españolas controladas por membros da rede criminal en distintos portos, especialmente en Alxeciras e Vigo. A trama contaba cunha gran capacidade loxística, capaz de enviar 40 contedores mensuais cara a Europa, algúns deles, contaminados con substancias estupefacientes.

Este achado é "o máis importante na historia de España en aprehensión de cocaína" e constitúe "un éxito rotundo na loita contra o narcotráfico", poñendo en valor "o traballo conxunto de cooperación institucional que realiza a Axencia Tributaria, neste caso co Corpo Nacional de Policía".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade