Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mal tempo atrasa a chegada a porto dos mariñeiros do Villa de Pitanxo

O mal tempo atrasa a chegada a porto dos mariñeiros do Villa de Pitanxo

Está previsto que cheguen este venres dous falecidos na Nexus e o sábado os sobreviventes

G24.gal 17/02/2022 20:42 Última actualización 21:19

No porto de San Xoán de Terra Nova estaba todo preparado para o desembarco dos náufragos do Villa de Pitanxo. Pero unha alerta por mar de fondo obriga a pechar o peirao e atrasar o operativo.

A embarcación española Playa Menduiña Dos, que transporta os tres sobreviventes da traxedia xunto cos corpos de sete dos seus compañeiros falecidos no naufraxio, ten prevista a súa chegada o sábado ao porto de San Xoán de Terranova.

Os outros dous falecidos son transportados no barco canadense Nexus, que chegará ao porto un día antes, o venres, segundo informou a EFE a autoridade portuaria de San Xoán de Terranova.

Fontes canadenses indicaron a EFE que, a pesar das malas condicións meteorolóxicas, un dos barcos portugueses que participou nas tarefas de rescate dos pescadores e que transportaba unha das vítimas mortais do naufraxio puido transferir o corpo ao Playa Menduiña Dos.

Nas últimas horas, as condicións empeoraron e nestes momentos rexístranse temperaturas baixo cero, que co vento provocan unha sensación térmica de -17 °C, refachos tempestuosos de ata 86 quilómetros por hora e ondas de máis de oito metros.

Os fortes ventos provocaron que a chegada do Playa Menduiña Dos sexa posterior á do Nexus, explicou a autoridade portuaria de San Xoán.

No mar quedan aínda doce mariñeiros. A Garda Costeira do Canadá suspendeu a súa busca argumentando que xa é imposible atopalos con vida e que as condicións climatolóxicas son moi adversas. 

Os barcos que participaban no operativo de rescate volveron ao traballo a 30 millas do lugar do naufraxio.

Os labores de busca duraron 36 horas, máis do que establecen os protocolos de emerxencias do Canadá, a pedimento do Goberno español. Rastrexáronse 900 millas náuticas cadradas sen rastro do Villa de Pitanxo nin dos homes que faltan.

Agora os esforzos centraranse en que as vítimas poidan volver a Galicia canto antes. O Goberno enviou a Terra Nova persoal diplomático do consulado de Montreal para poder axilizar os trámites da repatriación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade