O medio maratón Vig-Bay dispútase este ano con 4.200 corredores nun día primaveral
O medio maratón Vig-Bay dispútase este ano con 4.200 corredores nun día primaveral
Gañaron Jorge Puig, nunha hora e sete minutos, e Alice Finot, nunha hora e quince minutos
A vixésimo segunda edición do medio maratón Vig-Bay xuntou esta mañá máis de catro mil corredores. Esta proba que une Vigo con Baiona pola costa segue a ser unha das máis prestixiosas de España na distancia dos 21 quilómetros.
Na liña da mingua nas inscricións noutras carreiras nacionais e internacionais, a Vig-Bay mantén o tipo e, aínda que non rexistrou os cinco mil oitocentos participantes de anos atrás, chega aos 4200 inscritos.
Máis homes ca mulleres no medio maratón de Vigo a Baiona e case igualdade de eles e elas na minicarreira de dez quilómetros de Nigrán a Baiona. Esta carreira é popular e o seu éxito radica na preciosidade do percorrido.
"Saen de Samil, pasan por Praia América, pasan por Monte Lourido que é espectacular, teñen sempre á dereita as Illas Cíes que non poden ser máis preciosas, e chegan a Baiona", conta Mar Mariño, unha das responsables de organización da Vig-Bay.
O perfil do corredor desta proba é un home entre corenta e cincuenta anos, e sobre todo corredores populares que adoitan participar en medio maratón, sobre todo por Galicia", explica Miguel Anxo Gómez, da organización da Vig-Bay
Na proba central, a de 21 quilómetros, participaron 3.500 persoas e na de dez quilómetros setecentos corredores. Gañaron Jorge Puig, nunha hora e sete minutos, e Alice Finot, nunha hora e quince minutos.