O mellor pan galego de 2022 faino en Vigo un forneiro de Tenerife
O mellor pan galego de 2022 faino en Vigo un forneiro de Tenerife
A fogaza premiada é unha versión galega do pan pallés catalán
O mellor pan galego faise en Vigo, segundo o ditame do certame miga de Ouro da Asociación de Forneiros Artesanais. A mellor fogaza neste 2022, a que elabora o tinerfeño Diego Marín, foi escollida nunha cata a cegas por 28 forneiros. Desde que se coñeceu o veredicto, o despacho de pan Pandemonium non dá feito.
Diego Marín, que é de Tenerife, sabe que gañar aquí supón un extra de calidade porque moitos forneiros fan un pan excelente. Son as once da mañá e sae a segunda fornada desta fogaza premiada, unha versión galega do pan pallés catalán.
"Fariña quilómetro cero de aquí, da terra, un pouco de Caveira, de Cospeito, en Lugo e tamén algo de centeo", matiza o panadeiro Diego Marín.
"Eu quería presentar algo de todos os días, non un pan que difira do que facemos aquí no día a día. Porque en realidade o que quería amosar é que facendo o pan de diario se poden gañar premios. É un pan que é un luxo, como calquera outro máis rebuscado ou dunha receita máis complicada. Eu penso que co meu pan de diario pode acadalo", explica a TVG o panadeiro que fai o pan galardoado.
"É unha cousa que namora. O pan engancha. A xente que empezou hai pouco sempre me di, o teu pan ten algo máxico, non sei que é, pero engancha, de algún xeito", conta a TVG Diego Marín, panadeiro e dono de Pandemonium.
Manolo Rivas falaba do país das vacas. Ben puido escribir sobre o país do millón de pans, Galicia, onde este alimento sae no BOE como indicación de orixe protexida.