Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Ministerio pide que non se demonice ningunha arte de pesca, tampouco as de arrastre

O Ministerio pide que non se demonice ningunha arte de pesca, tampouco as de arrastre

A directora xeral de Pesca Sostible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Mónica Corrales, mostrouse satisfeita das conclusións da última reunión da NAFO en Vigo e asegurou que a recuperación dos caladoiros de bacallau do Atlántico Norte é unha realidade

G24.gal 26/09/2023 09:39

A directora xeral de Pesca Sostible do ministerio, Mónica Corrales, defende a actividade pesqueira fronte a utros usos do mar como o transporte, o turismo, a minería ou a enerxía, e asegura que, de todas elas, a pesca é a que produce menor impacto ambiental e menor pegada de carbono.

Mónica Corrales asegura que non se pode demonizar ningunha arte, incluídas as de fondo e arrastre, e que o sector pesqueiro demostrou que se pode conciliar a pesca coa conservación do medio mariño.

"Cando pescamos coas nosas artes, as de fondo e mesmo as de arrastre, facémolo dun xeito absolutamente sostible. O sector pesqueiro sabe que sen un ecosistema san non hai futuro para a pesca".

"Se comparamos calquera outro uso dos mares e dos fondos mariños, desde o transporte e o turismo á minería e a enerxía... Non hai ningún sector con menos impacto, con menor pegada de carbono, con menor pegada hídrica que o sector pesqueiro. E iso temos que poñelo en valor".

A directora xeral de Pesca Sostible destaca que a última reunión da NAFO, a Organización da Pesquerías do Atlántico Norte, en Vigo constata a recuperación de pesqueiras como a do bacallau, cun aumento da cota de pesca dun 92 %. Salientou ademais os avances en materia de observadores a bordo e coñecemento científico sobre cambio climático. 

"O bo é que a recuperación está aquí e permítenos seguir avanzando".

Sobre a redución da frota galega no caladoiro da NAFO, de 40 a 9 barcos nos últimos anos, Mónica Corrales recoñeceu que houbo que facer un axuste "porque se non a pesca non é sostible".  

"O axuste da frota ten que ver co estado dos caladoiros e o proceso de eficiencia da pesca. Sempre ten que haber un equilibrio para garantir que haxa unha maneira non só de traballar, senón tamén de vivir".

Corrales puxo tamén en valor o labor dos tres buques oceanográficos que realizan investigacións mariñas para coñecer o estado dos caladoiros e asegurar unha pesca sostible.

"Todo isto é posible grazas á énfase que se pon nos aspectos científicos, nas campañas de investigación que tanto O Canadá como España estamos levando da man. Grazas a estas campañas podemos saber como está o stock, facer novas regras de explotación, sobre todo no caso do fletán, e permitir que se poida pescar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade