Publicador de contidos
Publicador de contidos

O mosteiro de Oseira contabilizou 24.000 visitas en 2023 e as cifras medran ano tras ano

O mosteiro de Oseira contabilizou 24.000 visitas en 2023 e as cifras medran ano tras ano

A hospedería do convento está completa ata setembro

Antes da pandemia, o mosteiro era visitado por 19.000 persoas ao ano

 

G24.gal 27/03/2024 21:50

O mosteiro de Oseira contabilizou no 2023 algo máis de 24.000 visitantes. As cifras non paran de medrar dende que rematou a pandemia, sitúan o incremento en ata dúas mil persoas ao ano. Atenden 27 visitas a semana, de luns a domingo. Tamén a hospedería do mosteiro está case completa ata o próximo mes de setembro.

Esta é unha das catro visitas que fan acotío no mosteiro de Oseira: desta vez son cincuenta persoas que chegan dende Madrid. 

"Están imitando o movemento das palmeiras coma se de vento se tratara, pero observen cada unha é distinta. Simplemente é polo efecto óptico e visual, as columnas son completamente rectas".

O ano pasado Oseira recibiu máis de 24.000 visitas. Antes da pandemia rozaban as 19.000. Notouse din, a chegada do AVE e o boca a boca entre aqueles que van coñecendo o mosteiro. Visitar este lugar é sinxelo e para todos hai un oco. 

"Pódese vir sen reservar, con estar cinco minutos antes da visita non hai ningún problema porque é un sitio moi grande e pódense facer tres visitas o mesmo tempo sen molestarnos entre nós. Pero só coas reservas que temos a día de hoxe pois todo apunta a que vai ser unha semana santa boa", explica Yolanda Paz Diéguez, guía do Mosteiro de Oseira.

O mosteiro conta tamén cunha hospedería con catorce cuartos para aqueles que elixen o recollemento, o descanso e a oración. Algúns repiten ano tras ano, como Rosa María Gamallo.

"Todos os anos, eu na Semana Santa xa non podo ir a outro sitio. Isto hai que sentilo, hai que vir, hai que estar, e saes de aquí renovada".

Entre os turistas a palabra que máis se repite é sorpresa.

"Está moi ben, tamén a situación a contorna que ten".

"Encantoume, gustoume moito. Recoméndolle a todo o mundo que veña".

"Foi toda unha sorpresa, é que non contaba con atopar algo así aquí a verdade. Gustoume moitísimo".

No mosteiro residen once monxes da Orde do Císter, encargados do seu coidado. Ten 43.000 metros cadrados, é o segundo máis grande de España despois do Escorial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade