O Pan de Cea busca remuda xeracional para manter unha tradición do século XIII
O Pan de Cea busca remuda xeracional para manter unha tradición do século XIII
A falta de familiares que se fagan cargo dos fornos mantén estancada esta IXP, a primeira dun pan en Europa
Rosa dedicase a elaborar pan de Cea dende que casou.
"O meu marido si que o herdou pola parte do pai e o meu sogro polo dous, polo pai e pola nai", conta Rosa Delafuente, panadeira da IXP Pan de Cea.
Unha tradición que foi pasando de xeración en xeración dende hai séculos pero que neste intre periga por falta de relevo
"Os nosos fillos saben o sacrificado que é, e foi a menos pero eu agardo que haxa relevo con xente que veña de fóra pero ten que lle gustar a profesión porque hai que traballar de noite. Son moitas horas de traballo, o noso é un pan artesán. Estamos 6-7 horas de elaboración para facer 50 peza de pan", explica.
A súa singularidade fixo que se convertera no primeiro pan en Europa en contar co selo de Indicación Xeográfica Protexida hai dúas décadas. Daquela había 19 fornos, hoxe son 13 aínda que a produción foi en aumento debido a elevada demanda. Ao ano comercializan unha 700.000 pezas.
"A ilusión era chegar a un millón de pezas penso que se pode conseguir sempre que sexamos capaces de acadar esa remuda na que estamos insistindo xa que hai xente que non conta con descendencia que continúa no oficio. Por iso os promovemos cara ao exterior para que veña xente de fóra que se implique na elaboración do pan de cea", asegura Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea.
Neste intre hai cinco fornos en alugueiro ou á venda nos que poderían comezar a traballar. Eles ensinaríanlles o oficio.
"Para impulsar e manter viva a tradición que herdamos dos nosos pais", afirma Carlos Rodríguez.
Todo pola supervivencia dunha tradición que naceu no século XIII ligada ao mosteiro de Oseira.