Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Pan de Cea sobe un 3 % as súas vendas en 2021

O Pan de Cea sobe un 3 % as súas vendas en 2021

En 2020 comercializaron 625.000 pezas e subiron ata as 750.00 en 2021

É o primeiro pan en Europa que conseguiu unha Indicación Xeográfica Protexida en 2004

Trece fornos manteñen a elaboración tradicional no concello ourensán de San Cristovo de Cea

O pan de Cea leva xa 18 anos co selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida.
G24.gal 03/03/2022 21:38

No concello ourensán  de San Cristovo de Cea é onde se fai o afamado pan de Cea, o primeiro en Europa en conseguir a Indicación Xeográfica Protexida no ano 2004. Este pan destaca polo seu sabor único e malia a pandemia conseguiu que repuntasen as súas vendas. 

Considerado un dos mellores pans do mundo, o pan de Cea recupera a confianza da súa clientela. Co peche da hostalería e as restricións entre comunidades autónomas perdera un 3 % da súa produción, pero en 2021 volveu con forza ao mercado.

"Recuperamos o perdido e ao final de ano conseguimos algo máis dun 1 % máis que o ano 2020; o ano 2020 rematámolo con 625.000 pezas de pan de Cea vendidas e en 2021 foron sobre 700.000", asegura Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez, o presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea

E agardan seguir subindo as vendas. Aínda que os produtores están preocupados pola suba dos custos de produción, por mor dos prezos da enerxía e agora tamén do trigo.

Carlos Manuel Rodríguez apunta que dependen do gas do exterior e que moito trigo vén de Ucraína e do Leste de Rusia, e que xa os están avisando de que van subir os prezos. 

Con todo, din que ao empregaren un 75 % de fariña de trigo do país, por agora, non pensan subir o prezo, que xa subira hai tres meses 20 céntimos ata os 2,70 a peza. 

Unha peza que elaboran artesanalmente, mantendo a tradición.

"Foise transmitindo de pais a fillos e seguimos mantendo a tradición tanto na elaboración do pan nos seus fornos como no mantemento dun pan 100 % natural", di Carlos Manuel Rodríguez Rodríguez. 

"Unha fornada de pan de Cea; en menos de cino e media, seis horas, non sacas unha fornada", asegura o presidente da IXP Pan de Cea.  

Este pan único xa o consumían en San Cristovo de Cea no século XIII. E é o primeiro en Europa en obter o selo de calidade da Indicación Xeográfica Protexida hai xa 18 anos.

A IXP mantén activos 13 fornos que producen pan de Cea.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade