O papa recibirá a próxima semana no Vaticano os familiares do Villa de Pitanxo
O papa recibirá a próxima semana no Vaticano os familiares do Villa de Pitanxo
A audiencia papal será a véspera da votación na Comisión de Peticións da UE da solicitude das familias para que a investigación inclúa a baixada ao barco
O papa Francisco recibirá o próximo mércores, 7 de setembro, os familiares das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo, ocorrido en febreiro deste ano. Será na primeira audiencia do santo padre no Vaticano logo da volta do mes de agosto.
A voceira das familias, María José de Pazo, expresaba este venres o seu agradecemento, e cualificaba a audiencia como "un privilexio", atendendo á apertada axenda do papa, a quen lle trasladaran por carta unha solicitude de apoio á súa causa.
A Comisión de Peticións da UE vota se aceptan as peticións das familia
A audiencia papal será a véspera de que a Comisión de Peticións da Unión Europea vote por vía de urxencia se admite a solicitude das familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo para que na investigación se inclúa a baixada ao barco co fin de clarexar o acontecido.
Se a aceptan, estudarán a petición o dez de outubro e transmitirán á Comisión Europea e ao Parlamento, ademais de pedir información a España e se o estiman procedente instar o Goberno español a que cumpra coa petición.
"A Comisión remarcou que non se estaba cumprindo por parte do Goberno español a súa obriga de investigar independentemente de onde estea unha vía xudicial aberta, ou da comisión de investigación. E deunos as familias a razón", di María José de Pazo.
A comisión que investiga o afundimento acaba de pedir varios informes periciais ao Instituto Nacional de Investigación Aeroespacial na súa división que estuda o comportamento técnico de buques.
O anuncio fíxose público hoxe no Boletín Oficial do Estado e ten un orzamento de algo máis de sesenta mil euros. Os informes terán que estar rematados en catro meses e neles, supostamente, piden unha resposta á causa do accidente.
"Agora despois de seis meses pide que se faga como un simulacro con ondas e un barco de semellantes características as do Pitanxo. Estamos desconcertados porque non sabiamos nada nin as familias pedimos nunca iso", asegura a voceira das familias.
Se a investigación determina que houbo neglixencia na actuación do capitán ou da armadora Pesquerías Nores, Bruxelas podería pedir a devolución das axudas de fondos europeos. A última achega que recibiu foi en maio polo paquete anticrise da guerra de Ucraína. Tanto a armadora como Juan Enrique Padín teñen sancións anteriores por non enviar a posición e ocultar capturas.