Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Parlamento aproba o teito de gasto da Xunta sen o apoio da oposición

O Parlamento aproba o teito de gasto da Xunta sen o apoio da oposición

A Xunta eleva o teito de gasto un 2,5 %, ata os 13.954 millóns de euros

O Parlamento deu luz verde á cifra cos votos a favor do PPdeG, a negativa de PSdeG e BNG e a abstención de DO

Votación do teito de gasto proposto polo Goberno galego este mércores no Parlamento (EFE)
G24.gal 31/07/2024 09:33 Última actualización 31/07/2024 15:14

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores o límite de gasto non financeiro da comunidade autónoma para 2025, que ascende a 13.954 millóns de euros, un 2,5 % máis que o orzamento do presente exercicio, cos votos do PPdeG.

Dos 69 deputados presentes no Parlamento, 38 votaron a favor (PPdeG), 30 en contra (PSdeG e BNG) e un abstívose (Democracia Ourensana).

A xunta de portavoces fixara a sesión extraordinaria para este mércores ás 13 horas despois de que a Xunta dese luz verde ao teito de gasto na súa reunión do luns.

O conselleiro de Facenda Miguel Corgos detallou as previsións de crecemento do 2 % e a moderación da inflación entre os indicadores con que se elaborou o teito de gasto que se votou na sesión plenaria extraordinaria.

Corgos fixo fincapé na importancia de aprobar este límite de gasto porque abre o escenario para que a Xunta poida “elaborar en prazo os orzamentos para o próximo ano” e que se presentarán, como tarde o 20 de outubro.

Corgos sinalou que con leste paso a Xunta acredita o seu "rigor e solvencia", xa que Galicia novamente é a primeira “autonomía que aproba o seu teito de gasto” e faio coa cifra máis alta da súa historia.

No seu discurso, Corgos cualificou de "infame" o preacordo entre o PSOE e ERC: "Atenta contra os principios constitucionais de igualdade, solidariedade e capacidade tributaria".

Teito de gasto insuficiente, segundo o BNG e conformista para os socialistas

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias sostivo que este límite de gasto é unha mostra da “política de ir tirando e de cor gris” coa que a Xunta xestiona Galicia.

As políticas do Goberno do PPdeG son, ao seu xuízo, "conformistas", xa que destacan pola súa “falta de ambición", o que fai que Galicia non creza ao mesmo ritmo que o fai España, dixo.

Ademais, a deputada do PSdeG alertou que a Xunta está “a virar cada vez máis cara á dereita neoliberal” cun proceder que “estrangula e privatiza sen remilgos o noso Estado de benestar”.

O deputado de Democracia Ourensá Armando Follea abstívose., posto que a cifra non lle "parece mal", segundo argumentou, aínda que asegurou que a súa función na Cámara é lembrarlle á Xunta que se acorde da provincia de Ourense, circunscrición pola que foi elixido.

“O que máis me interesa é saber canto deste diñeiro vai para a provincia de Ourense”, incidiu.

A líder do BNG, Ana Pontón, mostrou o seu rexeitamento ao teito de gasto que novamente “non servirá para atender as necesidades de Galicia” xa que unicamente repite “as receitas fracasadas de sempre” nun novo “día da marmota”.

Ademais, a nacionalista asegurou que a Xunta mente sobre os números que consigna porque se se analiza “en euros constantes” demóstrase que “non é o máis alto” e unicamente contempla unha subida “irrisoria” e que non compensa o aumento do custo da vida.

Segundo os cálculos do Bloque, “en pleno 2025 teremos menos recursos dos que tiñamos en 2009”, xa que serían necesarios 350 millóns de euros máis para alcanzar o mesmo volume de recursos que existían hai 16 anos.

Pechou a rolda de intervencións dos grupos Alberto Pazos, polo PPdeG, quen arremeteu contra a oposición a conta do preacordo entre o PSOE e ERC: "É un atraco contra o peto dos cidadáns españois que non viven en Cataluña, e vostedes son cómplices".

Pazos, defendeu o apoio a este teito de gasto que obedece a “tres principios” fundamentais para o seu partido; “a estabilidade institucional, a estabilidade financeira e a coherencia política”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade