Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Parlamento Europeo rexeita prohibir a pesca de arrastre en zonas mariñas protexidas

O Parlamento Europeo rexeita prohibir a pesca de arrastre en zonas mariñas protexidas

Unhas 2.000 persoas viven da pesca de arrastre en Galicia

Agora, só pide prohibir o emprego de técnicas prexudiciais para as zonas mariñas

G24.gal 03/05/2022 19:15 Última actualización 03/05/2022 20:59

Finalmente a Eurocámara votou en contra de prohibir as artes de fondo en zonas mariñas protexidas.

O cambio no sentido do voto de diferentes grupos e eurodeputados españois permitiu a boa nova para a frota galega, xa que finalmente rexeitaron prohibir esa arte ao apoiar unha emenda do Partido Popular.

O texto cambiouse e a Eurocámara non avoga por vetar na UE a pesca do arrastre de fondo. Agora, só pide prohibir o emprego de técnicas prexudiciais para as zonas mariñas.

É unha vitoria temporal para preto de 1.000 embarcacións galegas e para os 2.000 empregos desta frota.

A Comisión Europea aínda garda nun caixón o seu plan de acción mariña. Cando o publique, podería cualificar a arte do arrastre como unha técnica prexudicial. Así o xulga o comisario europeo de Pesca, que, iso si, non contaría co aval da Eurocámara.

O portavoz do Partido Popular Europeo na comisión de Pesca do Parlamento Europeo Gabriel Mato e o eurodeputado popular galego Francisco Millán Mon mostraron a súa satisfacción polo apoio dado pola maioría da Eurocámara nunha emenda para evitar a prohibición da pesca de arrastre.

 

Tamén o eurodeputado de Ciudadanosm Adrián Vázquez defendeu o voto en contra da inclusión da pesca de arrastre de fondo en áreas protexidas. "Ciudadanos votamos en contra dese parágrafo por non ter en conta a tripla sostibilidade, social, económica e ambiental, que é necesaria para manter un equilibrio no sector pesqueiro", argumentou Vázquez.

Un grupo de organizacións ambientalistas, incluídas Oceana e Seas at Risk, valorou nun comunicado o respaldo dado hoxe ao informe de iniciativa propia da eurodeputada socialista portuguesa Isabel Carvalhais. Segundo as ONG, o voto de hoxe é "un paso importante para a protección do océano e o clima".

Aínda que finalmente non prosperou a idea de facer unha mención específica á pesca de arrastre de fondo entre as actividades extractivas, os ecoloxistas consideran que se atopa incluída.

Limitar esas actividades, xunto cunha maior produción de algas para capturar dióxido de carbono, a recolección de lixo mariño e o uso de técnicas de pesca menos daniñas poderían reverter a perda de biodiversidade e contribuír á conservación dos ecosistemas mariños, subliñaron as organizacións.

"Este é un forte sinal político para a Comisión de que as áreas mariñas protexidas deben protexerse verdadeiramente mediante a prohibición da pesca de arrastre de fondo e todas as actividades industriais destrutivas", consideraron.

Os parlamentarios destacaron a importancia da pesca na economía azul e pediron máis fondos e medidas ambientais máis ambiciosas.

Tamén subliñaron a necesidade urxente de investir en novos buques e infraestrutura portuaria e na diversificación das economías das comunidades costeiras, remotas e de ultramar.

A resolución destaca así mesmo a importancia de establecer asociacións bilaterais con terceiros países sobre a pesca sostible e a loita contra a pesca ilegal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade