O presidente da Deputación de Ourense renuncia ao seu escano no Senado
O presidente da Deputación de Ourense renuncia ao seu escano no Senado
O tamén alcalde do Pereiro de Aguiar prometera antes da súa investidura que "non acumularía cargos"
O posto recae en Francisco José Fernández, que regresa á cámara alta
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presentou a súa renuncia ao escano de senador que obtivo nas eleccións xerais do 23 de xullo, menos dunha semana despois de ser investido como sucesor de Manuel Baltar á fronte da institución provincial.
O tamén alcalde do Pereiro de Aguiar prometera antes da súa investidura que "non acumularía cargos", polo que, mes e medio máis tarde, presentou a súa renuncia, que recae agora en Francisco José Fernández, que regresa así á cámara alta.
Menor di dar este paso para centrarse na súa responsabilidades provinciais e locais, e agradeceu aos electores que optaron polo seu nome nas xerais do pasado 23 de xullo, en que o PP logrou tres postos no Senado pola provincia de Ourense.
Luis Menor será substituído por Francisco José Fernández, o rexedor de Leiro desde 1995 e que xa foi senador en tres lexislaturas pasadas.
Licenciado en Farmacia, ocupou o cargo de vicepresidente primeiro da Comisión de Sanidade e Servizos Sociais da Cámara alta, onde foi vogal na comisión de suplicatorios e entidades locais e portavoz na comisión de adiccións nesas lexislaturas.