Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presidente de Conxemar pide unha "fiscalidade saudable" para o sector

O presidente de Conxemar pide unha "fiscalidade saudable" para o sector

Eloy García advirte das dificultades que atravesa o sector do conxelado pola inflación, a parada do consumo e o aumento dos custos financeiros e reclama unha rebaixa do IVE para os produtos pesqueiros

Nunha entrevista na Radio Galega, Eloy García insiste en que Conxemar precisa unha ampliación das instalacións de IFEVI para que ningunha empresa quede fóra da feira por falta de espazo. Advirte que se non se amplía, procurarán outro lugar.

Conxemar
G24.gal 03/10/2023 10:03

O presidente de Conxemar, Eloy García alertaba das dificultades que atravesa o sector polo aumento da inflación e solicitaba que desde as administracións se fomente o consumo de peixe e se reduza o IVE dos produtos pesqueiros.

"Unha redución do custo ao consumidor mediante unha rebaixa do IVE colocaríanos nunha posición de competencia correcta con outros produtos que si tiveron esta baixada do IVE. A OMS recomenda tres inxestas de peixe á semana. Nós temos que ter unha fiscalidade saudable, de maneira que o que se deixe de recadar hoxe por IVE se vai recuperar a medio prazo en custo sanitario". 

Para Eloy García a inflación percíbese no consumo de fresco, pero tamén no de conxelado.

"O conxelado está sufrindo unha parada no consumo, coa compoñente engadida de que hai que financiar os stocks e agora fináncianse máis caros que hai un ano. Subiron os custos de produción, os financeiros e tamén todos os insumos, a electricidade, os fretes, a materia prima... A situación non é doada neste momento para o sector".

O presidente de Conxemar pide que as autoridades europeas flexibilicen a importación de determinadas especies coas que traballa o sector en Galicia e España.

"Moitas plantas en Galicia traballan, por exemplo, con gambón arxentino. Se temos aranceis que castigan a importación destas especies, as plantas vense obrigadas a elaborar estes produtos en terceiros países con lexislacións máis laxas en termos de seguridade laboral ou de recoñecemento de dereitos humanos".

Na entrevista, Eloy García referiuse tamén á posibilidade de que Vigo sexa a sede da Rede Global de Portos Azuis da FAO e da presentación do Informe Sofía do mesmo organismo das Nacións Unidas.

"Cando remate a feira, a directora xeral da Consellería do Mar e mais eu viaxaremos a Roma para tratar de que o próximo ano se presente en Vigo o Informe Sofía, un acontecemento bianual no que a FAO presenta o catálogo xeral dos recursos dos océanos en todo o planeta. É un acto da máxima potencia que queremos traer para Vigo".

García insiste en reclamar máis espazo en IFEVI para Conxemar.

"Esa falta de espazo é un feito demoledor, porque se non podemos atender a demanda existente, vaise a outros sitios e non se recupera. Se non somos quen de atender a demanda nestas instalacións, teremos que buscar outras para atendela". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade